Román Rodríguez sitúa as comunidades da España Verde como exemplo dun modelo turístico sustentable e de calidade
Santiago de Compostela acolleu os actos centrais do 30 aniversario deste proxecto do que forman parte Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, situou ás comunidades da chamada España Verde como exemplo dun modelo turístico “sustentable e de calidade”. Fíxoo en Santiago de Compostela, no Hostal dos Reis Católicos, durante acto central do 30 aniversario deste proxecto, do que forman parte Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco.
Precisamente, os responsables de Turismo destas catro comunidades, a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver, e o xerente de Trenes Turísticos, Escolástico González, reuníronse hoxe na capital galega onde aproveitaron, ademais, para realizar unha visita ao Centro Internacional de Acollida ao Peregrino e saudar a un grupo de 18 xornalistas de todo o mundo que chegaron a Galicia tras unha viaxe no Tren Transcantábrico para conmemorar este aniversario.
O responsable de Cultura e Turismo puxo en valor o “modelo turístico propio” das comunidades do norte de España, baseado en elementos como a paisaxe, a gastronomía, o patrimonio e que ten por obxectivo potenciar as particularidades de cada territorio. Neste sentido, destacou o Camiño de Santiago como un “elemento vertebrador” das autonomías que conforman a España Verde e como un exemplo dos valores característicos do modelo turístico das comunidades que conforman este proxecto.
Deste xeito, enxalzou a Ruta Xacobea como un “valor seguro” para todos os territorios polos que transitan os distintos itinerarios e subliñou o seu crecemento exponencial. Precisamente, lembrou que no que vai de ano percorreron o Camiño de Santiago preto de 330.000 persoas superando o total de peregrinos de 2018, unha cifra que supón un crecemento de en torno a un 6% con respecto a hai un ano.
Boa marcha do turismo
Segundo Román Rodríguez, os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) demostran que os viaxeiros “valoran e aprecian” a oferta turística das autonomías da España Verde, xa que segundo as cifras que esta semana se daban a coñecer, os territorios do noroeste foron os que rexistraron un maior incremento tanto da demanda hoteleira como do número de viaxeiros no mes de setembro.
De feito, o INE reflicte que Galicia foi a Comunidade que rexistrou un mellor comportamento, superando por vez primeira a barreira do millón de noites nos seus hoteis e pensións. Co fin de seguir traballando nesta dirección, o conselleiro de Cultura e Turismo animou aos representantes das distintas autonomías a “seguir apostando pola colaboración entre todos os axentes implicados” co fin de seguir impulsando o modelo turístico característico destes territorios.
Ademais do responsable de Cultura e Turismo da Xunta e a secretaria de Estado desta área, no acto celebrado hoxe na capital galega participaron a consejera de Cultura, Política Lingüística e Turismo do Principado de Asturias, Berta Piñán; a consejera de Turismo de Cantabria, Marina Lombo; a presidenta de España Verde e viceconsejera de Turismo do País Vasco, Isabel Muela, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo.