O Itinerario Cultural Europeo da Ruta dos Fenicios premia á Xunta pola creación da ruta turística nas costas galegas
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recolleu na localidade italiana de Bari o recoñecemento a unha das novas experiencias creadas este ano
A iniciativa permite facer viaxes en minicruceiros polas rías de Galicia para coñecer os vestixios fenicios co apoio dunha aplicación de realidade aumentada
O Itinerario Cultural Europeo da Ruta dos Fenicios vén de premiar á Xunta pola experiencia turística Ruta dos Fenicios polo Atlántico-Las Cassiterides, as viaxes en minicruceiros polas rías galegas que permiten coñecer os vestixios fenicios en Galicia e que contan co apoio dunha aplicación de realidade aumentada.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recolleu este recoñecemento na localidade italiana de Bari na Asemblea Anual desta entidade, un premio que foi entregado polo director do Itinerario Cultural Europeo da Ruta dos Fenicios, Antonio Barone, e a conselleira da Industria Turística e Cultural da Región de Puglis, Loredana Capone. Durante o encontro tamén se chegou a un acordo coa rexión de Sicilia e Plugia para colaboración interinstitucional a través da ruta fenicia.
A experiencia turística, que botou o pasado verán e está desenvolvida pola Asociación Galega de Actividades Náticas (AGAN+), consiste en viaxes en minicruceiros costeiros polas rías cunha temática baseada nos vestixios fenicios nas costas de Galicia. Ao abeiro deste itinerario creouse tamén unha aplicación de realidade aumentada que permite recoñecer unha vintena de elementos patrimoniais fenicios
Para o vindeiro ano está previsto realizar, ademáis de viaxes en minicruceiros, tamén a vela, a través de itinerarios de 6, 2 e 1 día entre os meses de abril e outubro, afondando así na desestacionalización do destino con propostas turísticas fóra do verán.
A Ruta dos Fenicios polo Atlántico-Las Cassiterides percorre as rías de Vigo, Arousa e Pontevedra e está previsto que o itinerario que se deseñará para o ano que vén abordo dun veleiro poida incluír un percorrido polo Alto Miño.