18 nov 2019

Román Rodríguez avanza que Galicia está en condicións de rematar o ano recibindo máis de 5 millóns de turistas

 O conselleiro de Cultura e Turismo salienta no Parlamento os avances da Xunta para favorecer a desestacionalización e descentralización dos fluxos de visitantes

Destaca as novas iniciativas postas en marcha para seguir promovendo un turismo de calidade como o programa ‘Elixe Galicia’ ou as axudas para congresos
 
Román Rodríguez, durante a súa comperecencia no Parlamento de Galicia.

 O conselleiro de Cultura e Turismo Román Rodríguez, avanzou que, de manterse a tendencia no último trimestre, Galicia está en condicións de rematar o ano superando a barreira dos 5 millóns de turistas. Nunha resposta a unha pregunta oral formulada no Parlamento, salientou que ata o mes de setembro a Comunidade recibiu xa máis de 4,1 millóns de viaxeiros que realizaron máis de 9 millóns de pernoitas, o que supón “a cifra máis elevada da serie histórica” neste período.

Neste sentido, o responsable de Cultura e Turismo da Xunta explicou que de manterse esta evolución, a nosa Comunidade remataría o ano recibindo máis de 5 millóns de turistas, unha cifra que só se superou no ano 2017. Precisamente, puxo en valor que o turismo galego crece moi por enriba da media española, con incrementos do 6,5% no caso da demanda hoteleira fronte a suba do 0,6% rexistrada a nivel nacional.

Durante a súa intervención, Román Rodríguez explicou que medra non só en cantidade senón en calidade. Mostra diso, exemplificou, é o feito de que a estadía media se sitúe na súa cifra máis elevada dos últimos sete anos ou que os ingresos do sector hoteleiro medrasen máis dun 8,3% con respecto a hai un ano, xerando máis de 250 millóns de euros. Do mesmo xeito, apuntou que as tarifas hoteleiras e a rendibilidade melloraron un 2% e un 6%, respectivamente, en comparación con 2018.

Turismo desestacionalizado e descentralizado

O titular de Cultura e Turismo salientou que estas cifras “non son froito da casualidade”, senón que responden, en boa medida, aos esforzos da Xunta por promover un turismo de calidade. Así pois, resaltou as últimas medidas impulsadas pola Xunta para favorecer a descentralización e desestacionalización dos fluxos de visitantes como o proxecto Elixe Galicia ou a liña de axudas para impulsar a celebración de congresos e eventos na nosa Comunidade co gallo do Xacobeo 21.

No caso de Elixe Galicia, Román Rodríguez destacou a importancia deste proxecto de fomento do turismo interno que ten como obxectivo “dar a coñecer Galicia aos galegos”. O proxecto está dirixido a menores de 30 anos, familias con fillos menores e persoas maiores de 55 e contará cun investimento total de 1,6 millóns de euros por parte do Goberno galego para financiar o 40% de 12.800 estadías en zonas costeiras, balnearios, rutas de patrimonio histórico cultural ou emprazamentos de natureza.

Pola súa banda, e co obxectivo de seguir avanzando na desestacionalización e na aposta por un turismo de alto valor engadido, o conselleiro de Cultura e Turismo destacou as axudas do Goberno galego para incentivar o turismo de congresos e ás que xa se presentaron máis de 200 solicitudes.

Do mesmo xeito, o conselleiro de Cultura e Turismo puxo en valor os bos datos do Camiño de Santiago e subliñou que agarda que o vindeiro Xacobeo 21 permita seguir potenciando os diferentes Camiños. Neste sentido, e co fin de favorecer a posta a punto de todos os itinerarios resaltou iniciativas postas en marcha por parte da Xunta como o Plan de albergues, ou o Plan de Mantemento, entre outros.

 
Arriba