25 nov 2019

Unha nova mouteira do Camiño irmanda á cidade italiana de Pistoia con Galicia a 2505 quilómetros de distancia

 A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participou no descubrimento do fito

 
Trátase da sexta mouteira instalada polo Goberno galego logo das situadas en Cracovia, Río de Janeiro, Lorient, Bruxelas e Glasgow nos últimos meses
 
Italia conta cunha forte tradición xacobea e sempre amosou interese por esta peregrinación, sendo o segundo país que máis camiñantes achega aproximándose á cifra de 28.000
 
Instalación dunha mouteira do Camiño de Santiago en Pistoia (Italia).

Turismo de Galicia sinalizou o Camiño de Santiago na praza do Duomo en Pistoia (Italia) coa instalación dunha mouteira a 2505 quilómetros da capital galega, que irmanda a ambas cidades e reforza os lazos do Camiño de Santiago con esta histórica localidade. A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira presidiu o acto no que estivo acompañada polo alcalde de Pistoia, Alessandro Tomasi, o bispo de Pistoia, Fausto Tardelli, a prefecto da provincia de Pistoia, Emilia Zarrilli, e polo concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo de Santiago de Compostela, Gumersindo Ginarte.

Cecilia Pereira destacou que a colocación deste simbólico fito representa a unión destas dúas cidades xacobeas amosa a irmandade entre Galicia e Italia, ao tempo que enxalzou a importancia dos valores do Camiño como nexo de unión de culturas, inclusión e solidariedade. A comisaria puxo tamén en valor o interese que suscita neste país, sendo o segundo país que máis peregrinos achega. Neste sentido, preto de 28.000 camiñantes italianos percorreron xa as diferentes Rutas Xacobeas, nun ano no que chegaron persoas de máis de 180 nacionalidades distintas.

Tras o descubrimento da mouteira, a comisaria participou nun encontro sobre o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, que contou coas intervencións do profesor e presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño, Paolo Caucci Von Saucken, e da doutora e profesora, Lucia Gai, entre outros especialistas nas peregrinacións xacobeas.

Ademais de achegar ambos territorios, esta viaxe institucional permitiu abordar nunha reunión diversos asuntos como os preparativos de diversas accións de promoción do Camiño de Santiago en Pistoia, cidade que durante o vindeiro Ano Santo compostelán contará co privilexio papal de abrir unha Porta Santa. Cómpre lembrar que é a única cidade no mundo que conta desde o século XII cunha reliquia auténtica do Apóstolo Santiago.

Internacionalización do Camiño

A proxección da Ruta Xacobea no exterior e o fortalecemento dos vencellos con Europa son un dos eixos de actuación recollidos no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, que inclúe entre os seus obxectivos destacar a importancia das peregrinacións a Santiago na vertebración do Vello Continente.

Neste sentido, a Xunta de Galicia está desenvolvendo unha serie de accións conxuntas dentro dos ámbitos cultural e turístico que permitirán promover a imaxe do Xacobeo máis aló das nosas fronteiras, fortalecendo as relacións do Camiño de Santiago e o turismo cultural e relixioso. Todo isto favorecendo ademais o intercambio artístico entre ambos territorios e difundindo a nosa cultura no mundo.

Así, como parte da estratexia de internacionalización que se levará a cabo en Italia, destaca o feito de que a oficina de turismo de España en Roma, acollerá diferentes accións promocionais do Camiño de Santiago e do Xacobeo 21 permitindo ampliar a difusión dun dos nosos maiores valores no mercado italiano e internacional.

Mouteiras no mundo

Ademais de Pistoia, outras cidades do mundo contan xa cunha mouteira do Camiño de Santiago. Os puntos sinalizados ata o momento están situados fronte a Ventá do Papa en Cracovia, xunto á sede do Parlamento Europeo en Bruxelas, na praia de Ipanema de Río de Janeiro e en lugares vinculados coa cultura celta como Glasgow e Lorient.

Esta sinalización compleméntase co impulso de outros proxectos internacionais que a Xunta está a levar a cabo en países como Estados Unidos. É o caso do convenio asinado co Institute of Fine Arts para a celebración, en 2020, dun simposio internacional sobre o Camiño de Santiago na cidade de Nova York.

 

Arriba