05 xan 2021

O Plan Director Galicia Destino Seguro da Xunta recolle a necesidade de apostar por un modelo turístico baseado na seguridade e a calidade

 Remata a fase de participación tras as análises da situación do sector turístico en Galicia levadas a cabo polas tres universidades galegas no último mes e medio e coas que agora se elaborará un único documento final

 
Nas investigacións analizáronse o impacto que a pandemia está a producir no tecido empresarial, os cambios nos hábitos dos viaxeiros e as políticas públicas postas en marcha desde o comezo da pandemia
 
A Xunta leva a cabo este traballo da man do Clúster Turismo de Galicia co obxectivo de establecer a folla de ruta coa que se avanzará na reactivación do turismo en Galicia
 
Os expertos coinciden en sinalar tamén a necesidade de facer unha comunicación dun destino especializado e dixitalizado
 
Remata unha das fases para a realización do Plan director de Turismo.

 As universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo veñen de rematar a primeira fase do Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023, correspondente coa fase de participación da situación na que se atopa o sector turístico galego como consecuencia do impacto do coronavirus.

Entre as primeiras conclusións que se extraen deste traballo destaca a necesidade de facer unha comunicación dun destino seguro, de calidade, especializado e dixitalizado, no que as certificacións de saúde e de seguridade serán elementos clave na promoción e comercialización do destino e dos produtos turísticos.

Os expertos coinciden tamén en sinalar que a recuperación da demanda turística terá ritmos diferentes segundo os distintos segmentos turísticos. Así, o turismo interior, de saúde, de sol e praia ou o vencellado co Camiño de Santiago previsiblemente recuperaranse de xeito máis rápido que, por exemplo, o turismo urbano ou o MICE.

A necesidade de crear novos produtos turísticos, combinados, transversais e flexibles, apoiados en valores como o turismo de natureza, a gastronomía ou o Camiño de Santiago son tamén algunhas das primeiras conclusións que podemos extraer destas análises, nas que se destaca que gañarán peso os produtos vencellados co turismo sostible, responsable e seguro que ofrezan propostas personalizadas.

Para acadar esta visión de conxunto, ao longo do último mes e medio leváronse adiante máis de 700 enquisas a viaxeiros potenciais, recompiláronse en torno a 400 enquisas a empresas do tecido industrial turístico galego, e se consultaron a máis de 60 expertos. O traballo completouse coa celebración de nove mesas de participación que seguiron o modelo focus group nas que participaron 72 persoas e 43 entidades entre axentes e actores públicos relevantes do tecido turístico galego.

A partir dos resultados obtidos nesta investigación as tres universidades galegas xunto co Clúster Turismo de Galicia están agora a elaborar un documento final no que se están a sintetizar os resultados cuantitativos e cualitativos da súa diagnose, no que atinxe a situación do sistema e do sector empresarial turístico galego, ás políticas públicas postas en marcha para saír da crise ou os cambios nos procesos de mercadotecnia e comercialización turística propiciados pola nova realidade turística e polos novos hábitos dos viaxeiros pospandemia.

Folla de ruta a tres anos

O documento de síntese que elaboren as tres universidades servirá de base para a creación das liñas estratéxicas do Plan Director Galicia Destino Seguro no que a Xunta está a traballar da man do Clúster Turismo de Galicia para establecer a folla de ruta a tres anos vista que faga posible que o sector turístico galego volva posicionarse no mercado nacional e internacional na era poscovid-19.

 
Arriba