A Xunta aborda co sector o Plan de hostalería segura que guiará a desescalada das restricións sanitarias ante a covid-19
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuníronse con representantes de asociacións de hostalería e da restauración
A Xunta avanzará, en colaboración co sector, nun plan de hostalería segura para que unha vez que a evolución epidemiolóxica do coronavirus permita a súa reapertura esta se leve a cabo nun escenario con tódalas garantías sanitarias.
O protocolo abordouse nunha reunión entre o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña con representantes de asociacións de empresarios de hostalería e restauración.
O plan trasladado ao sector basease en tres piares: máxima seguridade no acceso aos establecementos, máximo seguimento de posibles gromos e máximo control no cumprimento das normas.
Así, por unha parte, co obxectivo de garantir a seguridade no acceso, os negocios de hostalería deberán indicar na entrada ao local o límite máximo de aforo para que os clientes saiban se poden acceder e, no interior, cumprir a distancia de 1,5 metros de separación entre as mesas.
Ademais, o Goberno galego traballará na posta en marcha dun sistema de rexistro das entradas dos clientes, é dicir, un sistema de rastreo que permita localizar de xeito áxil e sinxelo aquelas persoas que estivesen en contacto no local cun positivo por covid-19 e ante un gromo poder proceder ao seu illamento.
En terceiro lugar, a Xunta levará a cabo un plan de control para garantir o máximo cumprimento das normas adoptadas polas autoridades sanitarias para previr a covid-19 nos establecementos de hostalería. Para executar este plan precisará da colaboración dos concellos e entre as forzas e corpos de seguridade.
O proceso de desescalada das restricións sanitarias na hostalería avaliarase nas reunións do comité clínico unha vez analizada a tendencia da evolución dos datos epidemiolóxicos en cada área.
Segundo Plan Rescate
Por outra parte, a Xunta activará de forma inmediata, como moi tarde o venres, o II Plan de Rescate a autónomos, microempresas e sector da hostalería pechado, dotado con 75 millóns de euros, e ao que, como novidade, poderán tamén acceder outros negocios non hostaleiros que tiveron que parar a súa actividade por mor das medidas sanitarias vixentes desde o pasado 9 de xaneiro, como ximnasios, feirantes ou parques de ocio infantil.
A Xunta xa culminou os abonamentos da primeira convocatoria deste Plan de Rescate, con 33.600 axudas concedidas, atendendo á totalidade das solicitudes que cumpriron cos requisitos, cun importe total de 70 millóns de euros. Dos beneficiarios, 20.000 –o 60%- eran negocios da hostalería, que recibiron 38,8 millóns de euros . En total, a Administración autonómica mobilizou máis de 160 millóns de euros en menos de catro meses dirixidos aos colectivos máis afectados pola pandemia.
No II Plan de Rescate os establecementos hostaleiros e doutras actividades pechados por mor da pandemia desde xaneiro, contarán con axudas específicas dos 1.900 euros aos 3.700 en función da duración da inactividade e do número de persoas empregadas. Poderán sumar ademais, ao ser compatibles, os cartos destinados a persoas traballadoras autónomas e microempresas, polo que as contías máximas poderán acadar os 15.700 euros.
Así, tendo en conta que os beneficiarios da primeira convocatoria tamén poden acollerse esta, os que obteñan apoio de ambas as dúas percibirán entre un mínimo de 3.400 euros e ata un máximo de 24.200.