24 feb 2021

Máis de 200 axencias de viaxes participaron nunha webinar sobre as axudas habilitadas pola Xunta para o seu sector

Están activas as dúas liñas de axuda creadas especialmente para o sector da turoperación e dotadas con 3,6 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia publicou a segunda orde, con 1,2M€, para gastos de alugueiros ou hipotecas
 
Axudas ás AA.VV.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo un encontro telemático co sector da turoperación galego co obxectivo de achegar a información sobre as liñas de axuda que a Xunta de Galicia ven de por en marcha especialmente para eles. No encontro participaron algo máis 200 axencias de viaxes así como representantes das tres asociacións representativas deste colectivo, a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (Atrega), a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes da provincia de Pontevedra (Avipo) e a Asociación Galega de Axencias de Viaxes (Agavi), todas elas integradas no Clúster de Turismo de Galicia, cuxo presidente, Cesáreo Pardal, tamén tomou parte no encontro.

Durante a súa intervención a directora de Turismo de Galicia lembrou que o Goberno galego investirá 3,6 millóns de euros a través de dúas liñas de axudas para a este sector cuxo prazo de solicitude xa está aberto e que están destinadas á creación de novos paquetes turísticos adaptados ao contexto da pandemia, á promoción do Xacobeo e a garantir liquidez destes negocios. Trala publicación este luns da primeira destas liñas, dotada con 2,4 millóns de euros e dirixida a cubrir gastos de seguros de caución, dixitalización e comercialización de novos produtos, hoxe o Diario Oficial de Galicia publicaba a segunda á que se destina 1,2 millóns de euros para cubrir gastos de alugueiros ou de hipotecas.

Recuperar a confianza do viaxeiro

Castro tamén aproveitou o encontro para por en valor o traballo da intermediación galega, ofrecendo un servizo profesional e de calidade que cobra especial valor na nova realidade xurdida coa Covid19 “na que o viaxeiro busca garantías e seguridade sanitaria”.

“Por iso desde o Goberno galego somos conscientes de que sodes un piar fundamental sobre o que teremos que construír conxuntamente a recuperación da confianza do viaxeiro”, explicou a directora, quen destacou que a turoperación galega está chamada a ser o motor da recuperación turística do noso territorio a través do deseño de novos paquetes turísticos que impulsen a imaxe de Galicia como destino seguro e que promovan o Xacobeo. Estas novas medidas súmanse ás que a Xunta adiantou o ano pasado por un importe de 1,3 millóns de euros; 500.000 para a primeira campaña de Galicia Destino Seguro e 800.000 para turoperadores e axencias con máis de dez empregados.

 
Arriba