09 mar 2021

A Xunta e o Grupo Nove abordan propostas conxuntas para a reactivación da hostalería galega no escenario postcovid-19

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuníronse con representantes deste grupo que aúna a profesionais galegos referentes da cociña galega de vangarda

A Xunta aposta pola difusión do potencial da gastronomía galega no marco da promoción de Galicia como un destino seguro e sostible
 
Reunión Xunta-Grupo NOVE.

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reuníronse con representantes do Grupo NOVE, do que forman parte cociñeiros e cociñeiras galegas recoñecidos para impulsar a cociña galega de vangarda baseada na combinación de tradición e innovación, entre eles o seu presidente Miguel Ángel Campos.

No encontro abordouse a situación do sector ante a reapertura e en canto ao cumprimento da normativa sanitaria ante a covid-19, así como iniciativas conxuntas encamiñadas á reactivación e recuperación do sector da hostalería galega no escenario postcovid-19. Na reunión tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e representantes do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

Nesta liña, o Goberno galego e o Grupo NOVE, composto por 24 dos restauradores de máis relevancia da comunidade, avanzaron na posta en común en propostas que teñan como obxectivo potenciar o coñecemento sobre a gastronomía galega, a profesionalidade do sector ou a calidade no marco da difusión de Galicia como un destino seguro e sostible e con iniciativas que tamén teñan en conta o Camiño de Santiago e o Xacobeo.

Deste xeito, a Xunta aposta pola difusión da cultura gastronómica galega e a nova cociña así como a marca Galicia para poñer en valor a nosa gastronomía, que supón un recurso con moita capacidade de atracción. De feito, a gastronomía é un dos motivos principais polos que os turistas visitan Galicia. Ademais, constitúe un dos piares de Galicia como destino turístico e como elemento diferenciador de calidade e tamén desestacionalizador.

 

Arriba