29 mar 2021

Aberto o prazo para que as empresas turísticas se adhiran á nova convocatoria do Bono Turístico #QuedamosenGalicia2

Alfonso Rueda destaca que a iniciativa permitirá inxectar no sector preto de 6,8 millóns de euros

Aloxamentos turísticos regrados, excepto VUTS, e axencias de viaxes que operen en Galicia, poderán sumarse ao programa que, por vez primeira, estará aberto a todos os galegos
 
Os cidadáns galegos poderán solicitar en breve o bono turístico.

 O Diario Oficial de Galicia publicou a apertura do prazo e as condicións de adhesión das empresas turísticas ao programa Bono turístico #QuedamosenGalicia2. Para esta segunda convocatoria do Bono Turístico poderán volver a adherirse os aloxamentos turísticos regrados, excepto as Vivendas de Uso Turísticos, e as axencias de viaxe que oferten servizos, aloxamentos ou paquetes turísticos en Galicia.

As empresa que cumpran os requisitos e queiran adherirse ao programa, terán que darse de alta a través do espazo profesional habilitado para o sector, Turespazo, ata o remate do programa, o 15 de decembro.

A medida que se adhiran os establecementos, a oferta do programa se irán actualizando no espazo web de Turismo de Galicia, unha vez que as propostas sexan revisadas cun enfoque de calidade e se verifique que cumpren a obrigas no ámbito hixiénico-sanitario, como reforzo da idea de Galicia Destino Seguro

Tal e como explicaba o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, “é unha iniciativa moi ben acollida polo sector coa que queremos seguir apoiando a súa reactivación a través da estimulación do consumo de produtos e servizos turísticos en Galicia”.

Como novidade desta edición cómpre destacar que o bono estará aberto ao conxunto da poboación galega, co obxectivo de mobilizar en torno a 6,8 millóns de euros, inxectar actividade e impulsar a reactivación do turismo. O prazo para a solicitude por parte dos beneficiarios abrirase nas vindeiras semanas.

Abanca, entidade colaboradora

Abanca será a entidade colaboradora na xestión destas axudas, que se materializarán a través dunhas tarxetas nas que a Xunta asumirá o 60% e os beneficiarios o 40%. A diferencia do ano pasado, as empresas que se adhiran á nova convocatoria non deberán facer ningún desconto sobre as tarifas dos servizos ofertados.

Outra das novidades é que haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros -150€ abonados pola Xunta e 100€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -225€ abonados pola Xunta e 150€ polos particulares; e o terceiro de 500 euros -300€ pola Xunta e 200 polos particulares. Cada solicitante só se poderá solicitar un único bono por persoa, entre un dos tres tipos, que se resolverá por orde de entrada da solicitude.

Na primeira edición do Bono Turístico, dirixida ao persoal sanitario e sociosanitario, se beneficiaron case 20.000 persoas e se adheriron 560 empresas, a maioría (70%) aloxamentos turísticos.

Alfonso Rueda concluíu destacando que “cremos que esta edición vai ter moita aceptación”, e agradeceu o interese demostrado por outras administracións como a Deputación da Coruña e a de Ourense, que coa súa contribución económica ao bono turístico “permitirán que máis persoas poidan beneficiarse do bono e se inxecte máis cartos a un sector que tanto o precisa como o turístico”.

 
Arriba