12 abr 2021

A mostra "Arquitectura da auga" destaca o peso do Camiño como eixe vertebrador do territorio na contorna de Santiago

 A exposición recolle o resultado das investigacións e o traballo de campo realizado en cinco localidades de cinco camiños de peregrinación a Compostela

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na apertura da mostra coa que se pecha este proxecto realizado ao abeiro de “O Teu Xacobeo”
 
Nava Castro, na exposición integrada no Teu Xacobeo,

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación da mostra Arquitectura da auga. Territorio, imaxe e pensamento, na que se recollen as conclusión dun traballo de investigación e de fotografía no que se analizou a arquitectura da auga presente no Camiño de Santiago en cinco pequenos núcleos situados na contorna da capital galega.

A mostra, que permanecerá na Fundación DIDAC de Santiago ata finais do mes de abril, descobre o potencial cultural e o peso de elementos arquitectónicos modestos (fontes, lavadoiros...) que dan sentido ao territorio a través do estudo de cinco enclaves: O Amenal (Francés); Rubial (Vía da Prata), Rúa de Francos (Portugués); Augapesada (Fisterra) e Marantes (Inglés). O traballo estivo impulsado pola arquitecta Elisa Gallego e o fotógrafo Julián Barón, en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) e o Grupo Cidade e Territorio, ambos da Universidade da Coruña.
 
O proxecto conta cunha axuda de 14.462,81 euros por parte da Xunta de Galicia ao abeiro do programa O Teu Xacobeo, co que se busca impulsar un Xacobeo espallado e integrador, que permita desenvolver unha ampla diversidade de iniciativas que integren á sociedade galega no fenómeno xacobeo.
 
Nesta edición de O Teu Xacobeo desenvolveranse un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo. Conta cun investimento de case 3,3 millóns de euros que suporán unha mobilización de recursos de máis de 5,8 millóns.
 
 
Arriba