21 dec 2021

Turismo de Galicia pon en valor a contribución das Asociacións de Amigos do Camiño na promoción das rutas xacobeas

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou e xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no “Foro Xacobeo de Asociacións Españolas de Amigos do Camiño de Santiago”

Alfonso Rueda destacou a dedicación destas entidades na protección dos trazados e o patrimonio das rutas, na acollida aos peregrinos a través de voluntarios e hospitaleiros, ademais da divulgación da cultura xacobea
 
A Xunta apoia a súa actividade con 520.000 euros investidos nos últimos 4 anos, 150.000 euros na última convocatoria deste 2021
 
O vicepresidente primeiro animou ás asociacións a invitar a camiñar a Galicia a peregrinos de todo o mundo en 2022, no segundo ano deste Xacobeo 21-22
 
Foro Xacobeo das Asociacións de amigos do Camiño de Santiago en España.

 O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou  no Foro Xacobeo de Asociacións Españolas de Amigos do Camiño de Santiago o traballo destas entidades na difusión e promoción das rutas xacobeas, e por tanto, o importante papel que xogan neste Xacobeo 21-22 para contribuír á reactivación da peregrinación tras a pandemia do coronavirus.

No acto, ao que tamén acudiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recoñeceu o labor das máis de 300 asociacións repartidas por todo o mundo, das que 34 están en Galicia e dedícanse a manter o espírito tradicional das peregrinacións e defender a conservación dos itinerarios xacobeos. “Coa dedicación destas asociacións ao longo da historia, o Camiño de Santiago converteuse no fenómeno universal que é na actualidade”, afirmou Alfonso Rueda, que engadiu que conforman “un piar básico no impulso da peregrinación a Compostela”.
 
Tamén incidiu no compromiso da Xunta para apoiar a súa actividade a través das axudas anuais nas que o Goberno galego leva investidos uns 520.000 euros nos últimos catro anos. Na última convocatoria deste ano, a Xunta destinou 150.000 euros a apoiar os proxectos de 24 entidades relacionados coa acollida aos peregrinos, a protección do trazado e do patrimonio das rutas, así como o desenvolvemento de actividades e as publicacións encamiñadas á difusión da cultura xacobea.
 
Ademais, as iniciativas presentadas por unha ducia de asociacións foron beneficiarias das dúas convocatorias do programa O Teu Xacobeo, co que a Xunta busca implicar á cidadanía na celebración deste Ano Santo Dobre facendo partícipe a tódolos concellos galegos deste evento.
 
Na súa intervención puxo en valor que o Camiño ofrece cultura, patrimonio, paisaxe e hospitalidade; ademais dunha meta espiritual para moitas persoas que o percorren. Por iso, agradeceu o traballo dos voluntarios e hospitaleiros que seguen difundindo estes valores.
 
Deste xeito, animou ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago a continuar coa promoción do Camiño de Santiago para en 2022, no segundo ano deste Xacobeo, invitar a camiñar a Galicia a peregrinos de todo o mundo e mellorar as cifras deste 2021, no que se se superaron as expectativas ao acadar en setembro as 140.000 Compostelas coas que se prevía pechar o ano e con unhas 178.000 seladas desde xaneiro.
 
Arriba