A directora de Turismo de Galicia destaca a excelencia da formación no Centro Superior de Hostelería de Galicia como sinónimo de profesionalización no sector turístico
Nava Castro, participou hoxe na cerimonia de graducación do alumnado do Centro Superior de Hostelería de Galicia
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a importancia da formación no Centro Superior de Hostelería de Galicia como sinónimo de profesionalización do sector turístico, no marco do acto de graduación dos alumnos, ao que tamén asistiron o reitor da USC, Antonio López Díaz, o presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e a Directora do CSHG, Marta Fernández.
Na súa intervención, a directora de turismo de Galicia salientou a importancia da calidade como eixe fundamental da nosa oferta gastronómica, que converte a Galicia nun faro de excelencia. Neste senso, destacou que “a aposta pola calidade turística permítenos impulsar un factor de diferenciación do destino turístico, un elemento fundamental nun mercado global e competitivo”.
No acto, graduáronse 108 alumnos, dos cales son 35 alumnos/as da VIII Promoción do Diploma Superior en Xestión Hoteleira e 6 alumnos/as da VI Promoción do Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña deste curso; e 53 alumnos/as da VI Promoción do Diploma Superior en Xestión Hoteleira e 14 alumnos/as da IV Promoción do Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña do pasado ano, que por mor da pandemia non tiveron acto de graduación.
O CSHG é un centro especializado na formación en xestión de empresas hostaleiras e de restauración. Inicia o seu percorrido no ano 1993 para dar resposta a necesidade de directivos na xestión hoteleira. Dous anos despois, poríase en marcha o primeiro curso académico dun programa xa extinguido, o Diploma de Xestión de Empresas Hostaleiras. Na súa traxectoria ten consolidado un posto de referencia no sector, ao formar a máis de 2.500 profesionais que desenvolven o seu labor en empresas hostaleiras e turísticas de todo o mundo.
Finalmente a directora de Turismo de Galicia animou aos novos graduados a construír desde a base o futuro desenvolvemento do sector, “a proxección internacional deste centro vai marcar a vosa formación e a vosa carreira profesional e ainda mais neste ano, co Xacobeo como gran escaparate de Galicia para o mundo. Unha oportunidade histórica para axudar a reactivar o sector turístico e a economía galega. Un evento singular e único, un elemento de referencia en toda Europa e en gran parte do mundo”
Nava Castro lembrou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades rexistrou no Ministerio de Universidades a proposta de oferta de prazas de novo ingreso en títulos oficiais de grao e máster para as universidades públicas galegas cara o curso académico 2022/2023, no que se inclúe o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, que impartirá este Centro con 75 prazas.
“Polo que temos a sorte de poder contar na nosa comunidade cunha institución, de formación para a calidade no turismo e que se foi convirtindo en si misma nunha embaixadora de Galicia”, rematou
No acto, participaron como madriña e padriño da promoción Natalia Seoane, directora de grandes hoteis e nomeada pola revista Mujeres&Cia, como unha das mulleres máis inflluíntes de España e o cociñeiro Javier Olleros, chef do restaurante Culler de Pau e nominado como un dos mellores cociñeiros do mundo.