09 ago 2022

Nava Castro enxalza o papel das tradicións como atractivo da oferta turística galega na Festa do Monte da Guarda

 Esta celebración terá lugar entre os días 6 e 14 de agosto

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no pregón da Festa do Monte da Guarda  2022, nun acto no que enxalzou a importancia das tradicións como un dos principais atractivos da oferta turística galega.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia puxo en valor a importancia destas celebracións na visibilidade turística dun espazo de calidade e acolledor, grazas a que “con tradicións coma a que transmite esta festa, e coa actitude hospitalaria  dos galegos, a Comunidade galega preséntase ao mundo coma o que é: un pobo aberto no que sempre hai espazo para todos, un pobo que se esforza e traballa unido”. 
 
A directora de Turismo de Galicia citou as orixes desta festa, que se remontan a hai máis dun século, e felicitou aos cidadáns deste municipio por ter conservado esta tradición, que se ben mudou parte do seu significado, soubo manter o espírito da celebración ao longo de máis dun século.
 
Nava Castro puxo de manifesto tamén a importancia da Guarda para o turismo cultural de Galicia, “onde se pode constatar a pegada que deixou a historia en Galicia, especialmente co castro e os petróglifos do Monte de Santa Trega, e onde se palpa o fenómeno xacobeo, a través do Camiño Portugués da Costa”.
 
A directora de Turismo de Galicia referiuse por outra parte aos recursos paisaxísticos deste Concello, “un espectacular miradoiro tan preto dos nosos veciños portugueses”, engadiu.
 
Ademais, Nava Castro salientou a importancia da gastronomía da Guarda, un municipio “que sabe a mar, como importante porto pesqueiro no que se enxalza a lagosta e a cociña mariñeira, e tamén a río, como lugar destacado para a Ruta da lamprea”, o itinerario etnográfico e gastronómico que deseñou Turismo de Galicia para poñer en valor este recurso desde o ámbito turístico.
 
 
Arriba