A Xunta apoia na Coruña, Santiago, Barbanza e Costa da Morte 49 proxectos do plan 'O Teu Xacobeo' para estender a programación sociocultural do Ano Santo a toda a sociedade
No caso concreto da cidade da Coruña apoiáronse 12 proxectos no 2022 grazas a unhas axudas de 156.000 euros que mobilizaron 350.000 euros
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou no acto balance do programa O Teu Xacobeo que tivo lugar no espazo Amizar nunha reunión informativa cos representantes de case medio centenar de entidades, empresas e institucións beneficiarias das axudas deste programa e impulsoras de actividades socioculturais en case todos os concellos da provincia.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, estendeu a actividade sociocultural do Ano Santo e do Camiño de Santiago a toda a comunidade galega a través do programa O Teu Xacobeo, co que este ano chegou a súa terceira edición, na se concederon 49 proxectos nas comarcas da Coruña, Santiago, Barbanza e Costa da Morte, dos cales 12 correspóndense coa cidade da Coruña.
No caso concreto da cidade da Coruña apoiáronse, este ano, 12 proxectos no 2022 grazas a unas axudas de 156.000 euros que mobilizaron 350.000 euros. Concretamente participaron neste programa: A Antena SC, Hércules Ediciones, Melgo Cinema, Urbanlab, S.L, Caramuxo Teatro, Fundación Universidade da Coruña, Fundación Jove, Aspanaes, Ese8, Fundación Abrente e dous particulares.
Balance das tres edicións
Trenor aproveitou o encontro para facer balance das tres edicións que apoiaron nestas comarcas coruñesas máis de 300 proxectos cun investimento total de 8 millóns de euros e con axudas por parte do Goberno galego de 4,2 millóns de euros.
O representante autonómico destacou a transversalidade desta iniciativa, que xa chegou, nestes tres anos, a máis de 200 concellos de toda Galicia dos cales 44 corresponden ás comarcas coruñesas. Neste senso, Trenor apuntou que o 44 % proxectos de O Teu Xacobeo fixéronse nesta provincia, o que supuxo tamén que case a metade do orzamento subvencionado destinouse a proxectos neste territorio.
“Está claro que os coruñeses implicáronse con esta proposta e que gran parte do seu éxito leva selo coruñés”, subliñou Trenor.
“Tratouse da maior convocatoria aberta de proxectos de dinamización sociocultural da historia de Galicia, o que nos permitiu espallar actividades en case todos os concellos da provincia implicando a asociacións, entidades públicas e privadas e que permitiron abordar o fenómeno do Xacobeo e do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar”, engadiu o delegado.
“Esta iniciativa tivo como obxectivo a implicación a nivel local na celebración deste Ano Santo, dinamizar todo o territorio con actos pequenos, diversos e máis dinámicos a través dos que se espallaron e se fixeron máis presentes os valores do Camiño na propia sociedade galega.”, sinalou o representante do Goberno galego, que destacou que todos estes proxectos “contribuíron moito a converter a Galicia nun destino seguro froito do cal a nosa comunidade situouse no grupo de comunidades coas taxas de crecemento turístico máis elevadas neste ano.
Ademais, no acto tamén interviñeron Ramón Sestayo, presidente de Cogami, que presentou o seu proxecto Tres ao cubo igual a catro. Caminarte e a Jesús Picallo, presidente da Asociación Profesional de Empresarios do Camiño de Santiago e vicepresidente do Clúster de Turismo de Galiciaque falou da súa proposta Un mar de gracias. Camino de Santiago de Fisterra- Muxía.