08 mai 2023

Rueda anuncia que en xullo se lanzará o Bono Xove Xacobeo, con descontos en establecementos turísticos para a mocidade que faga o Camiño

 Resalta que o obxectivo é promover as rutas xacobeas entre os menores de 30 anos

Explica que deberán aloxarse polo menos catro noites en establecementos do Camiño e facer un gasto adicional doutros 300 euros
 
O presidente resalta que Campo Lameiro é un claro exemplo do modelo turístico seguro e sostible que promove a Xunta
 
Alfonso Rueda, en Campo Lameiro.

 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou  que a Xunta poñerá en marcha o vindeiro mes de xullo o Bono Xove Xacobeo, un vale dirixido á mocidade con 500 euros de descontos en establecementos turísticos do Camiño de Santiago, dos cales a Xunta aportará 200. Rueda fixo este anuncio durante o acto de nomeamento da localidade de Campo Lameiro como Capital do Turismo Rural 2023 tras unha votación en toda España, promovida polo portal web Escapada Rural.

Rueda explicou que o obxectivo é seguir a impulsar as rutas xacobeas, un claro exemplo -ao igual que Campo Lameiro- do modelo turístico seguro e sostible no que traballa a Xunta desde hai anos para consolidar Galicia como referente neste sector. O novo bono turístico vai dirixido aos mozos e mozas que teñan o carné xove -é dicir menores de 30 anos- e estará dotado de 500 euros, dos que 200 serán aportados pola Xunta. Entre os requisitos para recibir este vale está que os beneficiarios deberán aloxarse un mínimo de catro noites en establecementos turísticos do Camiño de Santiago e facer un gasto adicional ao aportado pola Xunta de polo menos 300 euros.

Deste xeito, a Xunta segue a impulsar medidas para consolidar Galicia como un destino seguro e sostible que dá resposta ás demandas dos viaxeiros actuais que apostan por lugares menos masificados, nos que ter contacto coa natureza e desfrutar do patrimonio cultural, a gastronomía e outras experiencias de ocio.

Rueda resaltou que “o Xacobeo do pasado ano foi un punto de partida excepcional que non podemos perder”. Ademais, os datos avalan o bo momento que está a vivir a comunidade no eido turístico, xa que houbo case máis dun 50 % de visitantes estranxeiros ca o ano pasado e moi bos resultados en canto ao número de viaxeiros aloxados e de pernoctacións no primeiro trimestre deste ano.

Recoñecemento Campo Lameiro

Por outra banda, Rueda resaltou que Campo Lameiro é un modelo a seguir no eido do turismo sustentable.

O presidente animou a toda a localidade e comarca a aproveitar a oportunidade que supón o nomeamento de Capital do Turismo Rural 2023 para avanzar como destino turístico, pero sen perder a esencia que caracteriza e singulariza a esta localidade.

 

Arriba