04 mar 2024

A Xunta impulsará durante este 2024 melloras de eficiencia enerxética na Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago con máis de 1M€

Plan de albergues 2024

A Xunta de Galicia afondará durante este ano 2024 na mellora da eficiencia enerxética da rede pública de albergues do Camiño de Santiago cun investimento de máis de 1M€ dentro da planificación anual de Turismo de Galicia para o mantemento e conservación dos albergues públicos da rede. O Consello da Xunta informou das actividades previstas que suporán actuar este ano nun total de 34 albergues de sete itinerarios. Será, en concreto, en cinco do Camiño de Fisterra-Muxía, 14 no Camiño Francés, tres no Camiño Inglés, dous no Camiño do Norte, catro no Camiño Portugués e Portugués da Costa, un no Camiño Primitivo e cinco na Vía da Prata.

Entre as actuacións, está previsto levar a cabo traballos no exterior e no interior dos albergues, pintura e mellora de illamentos exteriores, corrixir humidades e reposición dalgúns alicatados, instalación de baños accesibles e, focalizarase de maneira especial en mellorar a eficiencia enerxética fundamentalmente coa instalación de paneis fotovoltaicos para reducir o consumo da enerxía, entre outras.
 
Por albergues, neste 2024 actuarase en cinco do Camiño de Fisterra-Muxía: o de Negreira: os de Olveiroa e O Conco, ambos en Dumbría e os de Fisterra e de Muxía. No Camiño Francés, a planificación inclúe actuar en 14: o de O Cebreiro e Hospital da Condesa, ambos en Pedrafita do Cebreiro; o de Triacastela; a Casa Forte de Lusío, en Samos; o de Calvor, Sarria e Barbadelo, todos en Sarria; o de Ferreiros en Paradela; Airexe-Ligonde en Monterroso; o de Os Chacotes e Mato Casanova en Palas de Rei; o de Melide; o de Santa Irene, en O Pino e o de O Monte do Gozo, en Santiago de Compostela.
 
Ao abeiro desta planificación actuarase tamén no albergue de Miño, na Casa da Pescadería (Betanzos), e no de Bruma (Mesía), os tres situados no Camiño Inglés. Haberá tamén actuacións en dous albergues do Camiño do Norte (o de Vilaba e o de A Cabana, en Friol), así como en un do Camiño Primitivo (Seixas, en Palas de Rei). 
 
Traballo continuado
No Camiño Portugués e Portugués da Costa prevense actuacións en catro albergues, en concreto, no de Tui, Vigo, Casa da Torre (Redondela) e O Faramello (Teo) e no que se refire á Vía da Prata a previsión é actuar nun total de cinco: Casa do Asistente (Verín), Vila de Rei (Trasmiras), Xinzo de Limia, Sandiás e Casa da Viúva (A Gudiña).
 
Esta planificación para a mellora da Rede Pública de Albergues enmárcase no traballo levado a cabo pola Xunta de Galicia para mellorar os servizos aos peregrinos e manter e conservar o patrimonio xacobeo. Dos máis de 26M€ que o Goberno autonómico leva investidos desde o ano 2015 en actuacións para aos albergues da rede (incluíndo a creación de novos albergues), máis de 10 destináronse ás obras de mellora da rede pública. A día de hoxe está composta por 76 albergues con ao redor de 4.000 prazas.
 
Arriba