25 mar 2024

O turismo galego afianza a súa desestacionalización cun incremento de viaxeiros do 3% en febreiro

Entroido

 O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos os datos de viaxeiros aloxados nos hoteis e pensións galegos durante o mes de febreiro, que constatan o avance cualitativo do turismo en Galicia. As cifras constatan que Galicia afianza a súa desestacionalización con incrementos de viaxeiros, noites e rendibilidade fóra de temporada alta.

 

Deste xeito, coincidindo co mes do Entroido, os hoteis e pensións galegos rexistraron algo máis de 202.000 viaxeiros que fixeron máis de 364.000 noites, cifras que suponen incrementos do 3% e de case o 4% respectivamente con respecto ao ano pasado. Estes datos constatan que o aloxamento hoteleiro galego rexistra tres anos consecutivos de crecemento da demanda neste segundo mes do ano e acada a segunda cifra máis elevada dos últimos ambos. 

 

O 79% das noites hoteleiras corresponden ao turismo nacional. Así pois, practicamente unha de cada dúas noites nos hoteis e pensións de Galicia do mes de febreiro corresponderon aos españois que veñen de fóra da comunidade. Ademais, o mercado internacional consolida tres anos consecutivos de crecemento da demanda no mes de febreiro con preto de 75.000 noites, a cifra máis elevada dos últimos anos.

 

Niveis máis altos de rendibilidade

 

Estes resultados deixáronse notar tamén de xeito económico na rendibilidade e ingresos hoteleiros. Deste xeito, a rendibilidade subiu máis do 8% e o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais nominais de preto de 13,8 millóns de euros no mes de febreiro, cifra que supera o dato do pasado ano (nun 8,4%) así como o valor previo á pandemia.

 

A Xunta de Galicia traballa por consolidar e manter estes resultados neste mes de marzo, coa chegada da Semana Santa, e pon en valor a oferta turística vinculada coa natureza, o Camiño de Santiago, os destinos urbanos e o enoturismo nestas datas. As previsións do sector, encabezadas polo Clúster de Turismo de Galicia, son optimistas con ocupacións que se situarán entre o 70 e o 80%, con picos de ata o 90% nalgúns destinos. Segundo as súas estimacións, o turista maioritario será de proximidade, aínda que destaca notablemente o peso do turista internacional, sobre todo procedente de Portugal, Francia e os Estados Unidos.

 
Arriba