01 mai 2024

Xosé Merelles avanza que a futura estratexia de turismo de Galicia 2030 porá o foco nos residentes e na sustentabilidade integral do destino

Estratexia Turismo de Galicia

 O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu á primeira das oito mesas con expertos que se van celebrar este mes de maio coa participación de máis de 100 profesionais para ultimar a elaboración da futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030. Acompañado pola directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, Xosé Merelles salientou a carácter “dialogado e participativo” que está a ter todo o proceso de elaboración desta folla de ruta e avanzou que porá o foco na sustentabilidade integral, tanto medioambiental, como económica, sociocultural, en especial sobre a relación entre turistas e residentes.

 
“Queremos consolidar os bos resultados turísticos e adaptarnos a todas as realidades buscando manter a boa convivencia e incrementar progresivamente o grao de satisfacción entre a sociedade galega”, expresou o director de Turismo de Galicia. Neste sentido, indicou que se pretende reeditar os resultados da última Enquisa de Residentes referida ao ano pasado que revela que entre o 85 e 90% dos galegos valora positivamente a actividade turística do seu municipio. Segundo esta sondaxe anual elaborada pola Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, a valoración global sobre o turismo mantense positiva. A puntuación é dun 8,2 entre as persoas con relación directa ou indirecta co turismo e dun 7,6 entre o resto da poboación.
 
“Son datos que nos animan a seguir planificando con previsión, da man desta nova Estratexia que estamos elaborando, para seguir tendo un modelo turístico sustentable que reparta territorialmente os beneficios do turismo”, indicou.  Xosé Merelles agradeceu a colaboración do Clúster de Turismo de Galicia na elaboración desta Estratexia que, como engadiu, tamén se prevé que poda afondar en fórmulas para incrementar a rendibilidade empresarial e a competitividade de Galicia como destino e se abordarán asuntos vinculados coa mobilidade e conectividade turística. 
 
Oito mesas en maio
Na xornada de hoxe abordáronse os retos no eido da promoción e diferenciación de destinos turísticos. Nos vindeiros días sucederanse encontros sobre o fomento e diferenciación de destinos turísticos, a innovación e dixitalización ou a internacionalización. Sumaranse xornadas sobre reequilibrio territorial e mobilidade, marco normativo, mellora na capacitación e promoción do talento, sustentabilidade ou competitividade empresarial. Como resultado destes encontros deseñaranse as liñas e accións futuras da futura Estratexia de Turismo de Galicia 2030.
 
Esta é a última fase, despois de levar a cabo un proceso de diagnose de máis de 20 mesas de traballo e enquisas online que contaron coa participación de máis de 1.000 persoas. Nesa fase recolleuse información sobre a diversidade de perspectivas e desafíos que afronta o turismo nas diferentes zonas da comunidade. 
 
Ademais, en colaboración coas tres universidades galegas en coordinación coa Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, elaborouse unha análise científica sobre a oferta, a demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia, analizando polo miúdo os recursos que constitúen parte da súa oferta diferencial. 
Arriba