A Xunta apoia un novo programa de turismo de benestar na súa aposta por impulsar o termalismo
O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Fundación San Rosendo, coa que esta fundación porá en marcha un programa terapéutico termal. Trátase dunha iniciativa coa que se pretende reactivar a actividade turística termal e avanzar na desestacionalización e dinamización do rural.
Cun investimento de 1M€, a Fundación San Rosendo encargarase de realizar este programa nos tres establecementos balnearios da súa propiedade en Arnoia, Laias e Lobios, todos na provincia de Ourense, e incluirá iniciativas axustadas ás indicacións terapéuticas de cada balneario. O programa incluirá a realización dunha análise das necesidades das persoas residentes, a elaboración dun procedemento de atención e intervención individual atendendo ás súas necesidades e avaliación continua do procedemento de atención e intervención.
A Fundación San Rosendo ten previsto organizar o programa en dúas modalidades: estadías de aloxamento ou estadías ambulatorias cun programa que incluirá tanto o tratamento como unha oferta de actividades na contorna próxima ao aloxamento, potenciando o produto local ou de proximidade. Para iso realizaranse accións de promoción do turismo na zona, mellorando o seu coñecemento polo visitante e fomentando o uso e consumo de recursos turísticos.
Último trimestre do ano
A Fundanción San Rosendo comercializará os paquetes ás persoas con doenzas específicas identificadas pola Fundación e realizaranse durante este último trimestre do ano. Os potenciais beneficiarios poderán ser ata 1.300 persoas con necesidades terapéuticas especiais (artrose, fibromialxia, problemas dermatolóxicos, rehabilitación e recuperación muscular, afeccións respiratorias…).
Co apoio a esta acción, o Goberno autonómico busca reactivar a actividade turística de saúde, que contou ata maio -os últimos datos dispoñibles para este segmento- con preto de 61.000 viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros que teñen servizo de talaso ou balneario. Ademais, búscase tamén seguir afondando na desestacionalización, tendo en conta que o turismo de saúde é un dos produtos con maior grao de especialización e singularidade e especialmente importante fóra de temporada alta. Trátase de obxectivos enmarcados na Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030, en fase de redacción, que incluirá distintas accións para posicionar o turismo termal como elemento diferencial do turismo galego.