11 out 2024

Xosé Merelles anuncia que o Observatorio de Sostibilidade Turística adxudicarase en novembro

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na mesa redonda De cara ao futuro: implementar e empregar os indicadores para a formulación de políticas de turismo sostible no marco da xornada ‘Apoio ao ecosistema turístico de España: cara un turismo máis sostible, resiliente e dixital’, organizada pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OECD) onde salientou as diferentes ferramentas de Galicia para afondar na sostibilidade turística para planificar o destino.

Como indicou, unha das fundamentais será o Observatorio de Sostibilidade Turística, unha nova ferramenta que dará continuidade ao traballo feito nestes anos e que permitirá actualizar as metodoloxías e monitorizar a evolución dos destinos galegos a través dun sistema estatístico de observación integral. Permitirá crear tamén  un plan de acción para actuar e atallar posibles situacións neste contexto global dunha evolución extraordinaria do turismo. Como explicou, é, un compromiso adquirido hai anos, que se ralentizou no contexto da pandemia, e que está previsto que se adxudique neste mes de novembro.

Tamén recordou que é unha das medidas que se enmarcan na Estratexia de Turismo de Galicia 2030 para seguir afondando na desestacionalización e diversificación do turismo. No foro, Xosé Merelles tamén indicou que a sustentabilidade é a esencia do modelo turístico galego desde hai anos. Tamén fixo mención ao traballo que se fai desde a Área de Estudos e Investigacións Turísticas, dependente de Turismo de Galicia, e a que Galicia forma parte do grupo de NECSTour que lidera en Europa a análises de datos e, nas distintas actividades da xornada. Tamén presentou exemplos levados a cabo polo Goberno autonómico como a regulación de fluxos en lugares como a Praia das Catedrais, o Parque Nacional das Illas Atlánticas ou a Catedral de Santiago de Compostela.

Puxo, ademais, como exemplo de sostibilidade ao Camiño de Santiago, que está cada vez máis desestacionalizado e diversificado e no que a Xunta avanza na súa planificación, coa súa monitorización a través da instalación de sensores para analizar a súa capacidade de carga e fluxos turísticos para seguir mellorando a toma de decisións ao redor da ruta.

Arriba