16 nov 2024

Galicia presenta a súa proposta de turismo rural activo e enogastronomía na Feira INTUR de Valladolid

Turismo de Galicia participou na Feira INTUR de Valladolid que este ano alcanzou a XXVII edición. A cita incluíu xornadas diferenciadas para o sector profesional e outras especificamente para o público xeral. Así, ata este domingo 17 de novemvbro, a feira estivo aberta a público en xeral e Turismo de Galicia presentou a súa oferta en turismo rural activo, experiencias en contacto coa natureza, enogastronomía e o Camiño de Santiago, entre outras propostas.

Segundo o INE, de xaneiro a setembro, preto de 6 millóns de persoas aloxáronse nos establecementos turísticos de Galicia. O 70% da demanda corresponde ao turismo nacional, segmento que inclúe os residentes en Galicia e o das restantes Comunidades Autónomas.

Nun stand de deseño de 100 m2 de superficie, a Xunta buscou difundir a oferta turística xeral de Galicia, e en especial o turismo de interior, o denominado rural activo, as propostas en plena natureza, a enogastronomía, o turismo urbano e tamén o Camiño de Santiago. A hospitalidade dos galegos xunto co traballo artesán das xentes de Galicia foron outros dos atractivos que se buscou poñer en valor nesta cita do turismo de interior. Así, unha artesá collareira co selo de Artesanía de Galicia, realizou un obradoiro en vivo utilizando cunchas mariñas.

A Feira INTUR inclúe cada ano a oferta de destinos da Península Ibérica, Francia e Cuba e conta especificamente coa presenza de once Comunidades Autónomas e dezanove provincias. No ámbito de negocios, o encontro congregou ata 60 compradores internacionais de Alemaña, Bélxica, China, Canadá, Hong Kong, Italia, Polonia e Portugal. Precisamente, nesta edición, o país luso está a ter unha presenza destacada a través da súa proposta de visita aos pobos do interior do Alentejo.

O evento que convertiu Valladolid no centro da oferta turística de España tamén incluíu a celebración do Congreso Internacional AR&PA, que abordou entre outros aspectos os retos actuais do patrimonio cultural e o seu impacto no turismo e na economía das rexións.

Arriba