06 feb 2025

Rueda asina coa rexión de Lazio un memorando de entendemento para a promoción conxunta do Camiño de Santiago e da Vía Francíxena

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da rexión de Lazio, Francesco Rocca, asinaron un memorando de entendemento entre ambas rexións co obxectivo de desenvolver accións conxuntas no eido da promoción, investigación e formación ao redor do Camiño de Santiago e da Vía Francíxena. Unhas rutas que, en palabras do propio Rueda, son “unha manifestación relixiosa e cultural, un recurso económico de primeira orde e un exemplo de humanismo e unidade, sendo peza fundamental tamén na construción da identidade europea”.

O documento ratificouse esta mañá en Roma, e asínase “nun momento de especial interese" para ambas rutas de peregrinación: a celebración este 2025 do ano xubileo romano, e ás portas do próximo Xacobeo, que se conmemorará en 2027. Por iso, tal e como explicou o presidente da Xunta, esta alianza permitirá “reforzar a promoción conxunta, escoitar o que cada un ten feito para aprender, explicar o que cremos que funciona e axudar a implementalo, así como promocionarnos conxuntamente en todo o mundo”.

Ambas rutas comparten moitos puntos en común, como o seu paso por distintos países e unha longa tradición. Ademais, os destinos de ambas peregrinacións -Roma e Santiago- son dúas das cidades santas do cristianismo.

De aí a importancia de establecer esta colaboración, que se baseará, entre outras medidas, en poñer en marcha actividades promocionais de cada unha das rutas; participar de forma conxunta nas principais feiras internacionais; impulsar accións de investigación e estudo dos dous camiños; intercambiar boas prácticas e competencias en distintos eidos; ou fomentar a formación e organización de intercambio de estudantes e profesores.

“O que pretendemos é reivindicar a plena vixencia, actualidade e, sobre todo, o enorme futuro que teñen tanto o Camiño de Santiago como a Vía Francíxena. Queremos traballar xuntos para que estas dúas rutas sigan sendo símbolo de unidade, hospitalidade e de paz”, afirmou o titular do Goberno galego.

Preto de 30.000 Compostelas italianas

Rueda considerou que estas novas accións repercutirán de forma moi positiva en ambas rexións, especialmente tendo en conta que Italia é o país europeo –e  segundo do mundo por detrás de EEUU– que máis peregrinos aporta ao Camiño de Santiago. De feito, en 2024, recibiron a Compostela 28.600 peregrinos procedentes do país alpino, unha cifra que con seguridade é maior se se teñen en conta os camiñantes que non solicitaron a credencial. “Isto nos dá unha enorme responsabilidade e tamén coñecemento para seguir traballando”, asegurou Alfonso Rueda.

Por último, o presidente galego animou a todo o mundo a percorrer o Camiño de Santiago, e a sumarse á experiencia que o ano pasado desfrutaron case medio millón de peregrinos, unha cifra récord na serie histórica.

 

Arriba