A Xunta reforza a promoción nacional e internacional de Galicia nos mercados holandés e alemán e na oferta de turismo interior e de natureza
Utrecht, Múnich, Monfragüe e Navarra serán os próximos destinos nos que estará presente Turismo de Galicia na súa aposta pola promoción da oferta turística galega nas feiras do sector, unha das liñas de actuación da Estratexia de Turismo de Galicia 2030. Durante os últimos 15 días do mes, a Xunta terá presencia nas feiras de Fiets en Wandelbeurs, f.re.e 2025, Feira Internacional de Ornitoloxía (FIO), e Navartur. Nestas citas difundiras a proposta de turismo diferencial, sustentable e de calidade que se promove desde o organismo.
A primeira das citas da segunda quincena de febreiro é a feira de turismo ao aire libre, cicloturismo e sendeirismo Fiets en Wandelbeurs, que se celebra esta fin de semana en Utrecht, nos Países Baixos. Esta será a primeira vez que participe Turismo de Galicia no evento, ao que se chega co obxectivo de fortalecer a difusión da oferta vinculada aos recursos naturais e culturais, así como o relacionado cos Camiños de Santiago, en mercados internacionais. Especialmente no país organizador, posto as persoas desta rexión buscan experiencias significativas, nas que se mesturen o turismo de natureza coa cultura ou a enogastronomía.
En concreto, Galicia conta cun módulo dentro do stand de Turespaña da feira, que está dirixida a profesionais e público final e que na súa pasada edición recibiu a visita de 26.594 persoas.
Desde o 19 de febreiro e ata o día 23 celébrase en Múnich f.re.e 2025. Esta é unha das feiras de turismo máis antigas do mundo e organizada de forma continuada desde 1970. A representación galega cobra especial importancia cando se ten en conta que Alemaña é o terceiro mercado internacional en termos de turismo para Galicia. Só en 2024, as persoas chegadas deste país incrementáronse nun 5%, na busca dun turismo de natureza tranquilo e respectuoso, tamén con inquedanzas culturais e etnográficas.
Centrada no público final, ata 140.000 persoas visitaron a feira en 2024. Turismo de Galicia participa cun módulo dentro do stand de Turespaña, coordinado pola oficina española de turismo de Múnich.
Feiras dentro de España
Do 21 ao 23 de febreiro celébranse en España dúas feiras de turismo senlleiras. No seu 20 aniversario FIO 2025, a Feira Internacional de Ornitoloxía, achega ao Parque Nacional de Monfragüe, en Serradilla, Cáceres, distintas propostas relacionadas co turismo ornitolóxico. Un tipo de ocio no que Galicia comeza a destacar como destino diferencial dentro da oferta española clásica. No seu espazo na mostra, a axencia promocionará as cerca de 150 rutas e 600 puntos de interese para a observación de aves na Comunidade, xunto cos recursos e produtos relacionados coa natureza e os Camiños de Santiago.
O pasado ano, FIO recibiu máis de 18.000 visitantes, o que a confirma como a máis relevante de España na súa especialidade. A feira integra a zona expositiva cun programa de actividades, como conferencias, obradoiros e exposicións fotográficas, así como unha Bolsa de Contratación. Esta última céntrase na organización de encontros B2B de 15 minutos para favorecer oportunidades de negocio ás empresas que ofrecen servizos especializados en turismo ornitolóxico e natureza con compradores de España e outros países.
En Navarra, Navartur chega á súa 19 edición. Con un longo percorrido de participación, este ano Turismo de Galicia leva un stand de deseño de 48m2, baixo a mensaxe de ‘¡YA ESTÁS EN GALICIA!’. A través deste espazo, búscase transmitir os atractivos do destino e amosar, así, as características que definen a experiencia, como a tranquilidade ou a boa acollida ás persoas visitantes. Ademais, presentarase a variedade da oferta turística da rexión, entre a que o turismo enogastronómico, familiar e de comunión coa natureza teñen un papel destacado, xunto coa oferta singular que supoñen os Camiños de Santiago.
A mostra, que se celebra no Palacio de Congresos Baluarte, está aberta a público profesional e xeral e conta cunha grande afluencia, entre a que destacan os perfís de consumidores finais.