08 mar 2025

A Ruta da Camelia en flor abre a tempada de Trens turísticos de Galicia 2025 con éxito de participación

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou  a tempada de Trens Turísticos 2025 participando na primeira das dúas saídas da Ruta da Camelia en Flor. Tras subirse ao tren en Santiago de Compostela, os participantes fixeron a súa primeira parada en Vilagarcía de Arousa, onde puideron visitar os xardíns do Pazo de Rubiáns. A Ruta da Camelia en Flor forma parte do catálogo de posibilidades dos Trens Turísticos de Galicia, a proposta promovida por Turismo de Galicia coa colaboración de Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Durante o percorrido, Xosé Merelles salientou que “permite achegarse ás miles de variedades desta flor, á vez que se visitan algúns dos edificios referentes do patrimonio galego e se goza dunha oferta enogastronómica completa. O director acompañou aos viaxeiros na ruta, que consiste nunha visita guiada aos xardíns do Pazo de Rubiáns.  Alí puxo en valor estas instalacións que permiten ver ata 4.500 exemplares de camelias. A viaxe proseguiu cunha visita ao Castelo de Soutomaior e ao Pazo de Quinteiro da Cruz, onde ademais de percorrer os xardíns, poden degustarse e comprarse tés e outros produtos que teñen por base o aceite de camelia.

Esta ruta comezou a realizarse no ano 2023 para aproveitar a época de floración da camelia, que se estende entre os meses de decembro a abril. Este ano está prevista outra saída o día 22 de marzo. Tanto na de hoxe como na próxima esgotáronse todos os billetes á venda. 

Experiencia diferencial

En total, en 2025 están previstas 13 rutas, dúas máis que o pasado ano, e incrementáronse nun 35% as prazas á venda. As entradas para o resto de traxectos sairán á venda no mes de maio e as saídas están previstas a partir de xuño e desenvolveranse tamén nos meses de xullo, agosto, setembro e outubro, sendo a última data o 4 dese mes coa Ruta dos Queixos. 

A iniciativa propón experiencias únicas e diferenciais, nas que se mesturan o turismo da natureza co patrimonio, a cultura, a enogastronomía ou a artesanía. Os traxectos permiten coñecer a costa norte da comunidade, a través da Ruta dos Faros; as distintas denominacións de orixe vinícolas de Galicia, cos Trens da Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras; ou algúns dos pazos, castelos e mosteiros máis destacados. A aposta pola experiencia turística sustentable queda confirmada a través do emprego do tren como medio de transporte de referencia. 

En 2024, alcanzouse un 97,5% de ocupación nas prazas á venda. Ademais, o mes con mellores datos dos trens turísticos foi o de setembro, cun 99,4%, o que apunta o valor da iniciativa para avanzar na desestacionalización do turismo, un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia. 

Arriba