A Xunta promociona os recursos turísticos de Galicia con sete viaxes de familiarización a máis de 30 xornalistas e axentes de viaxes europeos e asiáticos
O Plan de acción de promoción de Turismo de Galicia avanza este mes nos novas accións promocionais do destino en mercados europeos estratéxicos e asiáticos. Así, durante este mes celébranse un total de sete viaxes de familiarización nas que participan máis de 30 xornalistas especializados, axentes de viaxes e touroperadores co apoio de Turismo de Galicia e en colaboración coas Oficinas Españolas de Turismo dos países emisores destes profesionais.
Así, un total de once axentes de viaxes e persoal de liñas aéreas en Xapón están visitando Galicia ata o vindeiro 23 de xuño para coñecer as cidades de Santiago e Pontevedra e as localidades de Baiona, Sanxenxo, Cambados e Combarro, entre outras, na procura de experiencias baseadas na tradición, a paisaxe, a gastronomía e a historia destes enclaves para o mercado xaponés.
Tamén durante a vindeira semana estarán en Galicia xornalistas polacos e alemáns para coñecer e divulgar despois o destino Galicia da man de recursos tan concretos coma os pazos. Así, visitarán o Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, en Vedra e o de Oca, na Estrada e coñecerán o pasado pesqueiro, comercial e militar de Ferrol, visitarán Cedeira, Cabo Ortegal, A Coruña, o parque Natural Fragas do Eume, Betanzos e varios puntos da Costa da Morte. Durante esta viaxe, tamén poderán coñecer a tradición de Galicia nunha noite tan peculiar e chea de vivencias como é a Noite de San Xoán.
Camiños Mozárabe e Portugués da Costa
De forma paralela, pero centrándose no Camiño de Santiago un grupo de xornalistas alemáns terán oportunidade de coñecer distintos tramos do Camiño Mozárabe-Vía da Prata. Precisamente, Alemaña é o primeiro país da Unión Europea co maior número de peregrinos no que vai de ano, case 12.000.
Ademais, do 26 ao 29 de xuño, outro grupo, pero esta vez de profesionais dos medios portugueses poderán percorrer parte do Camiño Portugués da Costa e a cidade de Santiago. Portugal é o segundo país europeo, tras Alemaña, co maior número de camiñantes que realizaron esta ruta no que vai de ano, en total case 2.200.
Xa a finais de xuño, do 30 ao 4 de xullo, e en colaboración coa Oficina Española de Turismo en Zurich, desenvolverase unha viaxe de familiarización de profesionais alemáns centrada sobre todo na gastronomía galega como recurso e atractivo turístico.
Máis de 30 mercados
A Xunta enmarca estas visitas de familiarización no Plan de acción de promoción de Turismo de Galicia para 2025, que prevé realizar ao longo do ano máis de 130 accións de promoción turística en ao redor de 30 mercados, cun investimento anual de 13M€. En consonancia cos esforzos pola internacionalización da demanda, o 76% das accións diríxense a mercados de fóra de España.