12 nov 2025

Galicia reforza os seus vínculos transfronteirizos con Portugal grazas ao proxecto Visit Minho Plus

O director de Competitividade de Turismo de Galicia, Iván Meléndez, participou no segundo workshop do proxecto europeo Visit Minho Plus, no que a Xunta participa como socia. En concreto, esta iniciativa está destinada a promocionar o produto Fotalezas, ademais de reforzar as relacións comerciais entre as comunidades transfronteirizas e de promover a divulgación e comercialización de produtos autóctonos.

Iván Meléndez destacou o carácter “estratéxico” do proxecto no reforzo dos lazos transfronteirizos con Portugal, que con este taller permite “intercambiar experiencias e coñecemento no que se refire aos nosos recursos naturais, onde a sostibilidade se presenta coma un factor fundamental para a consolidación do modelo turístico que estamos a impulsar desde a Xunta”. Así consta na Estratexia de Turismo 2030, que ten a aposta polo modelo sostible como un dos seus obxectivos.

O responsable da área de Competitividade referiuse ao proxecto Visit Minho Plus como un “perfecto exemplo” desta visión, no que “da man da colaboración entre as administracións públicas e tamén do sector, buscamos afondar nun destino turístico diferenciado que axude a fixar poboación”. Ademais, salientou o potencial da iniciativa para crear distintos produtos turísticos que definan Galicia como un destino único e para afondar no turismo como impulso da rehabilitación e mellora de infraestruturas, equipamentos e recursos.

O 10 de novembro celebrouse tamén o primeiro workshop no marco do mesmo proxecto en Tui, en torno ao produto do Río Miño Navegable.

Visit Minho Plus

A iniciativa Visit Minho Plus está liderada pola AECT Rio Minho e conta coa colaboración de Turismo de Galicia. Para o seu desenvolvemento, está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

Entre outros, busca articular o espazo común, promover as relacións de cooperación transfronteiriza, protexer e promover o patrimonio cultural e natural transfronteirizo; e aumentar a cohesión institucional. Neste sentido, Felipe Ferrero afirmou o convencemento de que contribuirá a “seguir facendo a Eurorrexión aínda máis forte e máis preparada para os retos actuais da actividade turística e tamén con vistas ao Xacobeo 27, tendo moi en conta a importancia que o mercado portugués ten para nós”.

Portugal constitúe o máis importante mercado emisor para Galicia. De xaneiro a setembro deste ano, visitaron a nosa comunidade 232.031 turistas que procedían do país luso. No referente ao Camiño de Santiago, é o 4º país estranxeiro do que proceden máis peregrinos, con máis de 22.000 persoas que recolleron a Compostela no que vai de 2025. O Camiño Portugués e o Portugués da Costa mantéñense como o segundo e o terceiro máis percorridos.

Ademais de Turismo de Galicia, o proxecto conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Turismo do Porto e Norte de Portugal CIM Alto Minho, os concellos de Tui e Salvaterra de Miño, a Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e as entidades dedicadas a calidade alimentaria e ao desenvolvemento rural, Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e Adriminho.

 

Arriba