12 nov 2025

Xosé Merelles destaca que a nova web de Turismo de Galicia incluirá a intelixencia dixital para optimizar a oferta do destino e a experiencia turística

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, clausurou a xornada ‘Turismo intelixente: ferramentas de IA para a transformación do sector’ que reuniu en Ponteareas a representantes da actividade turística de Galicia. Xosé Merelles destacou que o seu departamento está ultimando a licitación da nova web de Turismo de Galicia que “utilizará a intelixencia artificial no seu obxectivo de integrar as tecnoloxías avanzadas para mellorar a definición da oferta e a experiencia turística”.

Segundo explicou o director de Turismo, a aposta pola intelixencia turística e a transformación dixital ven recollida na Estratexia de Turismo 2030 da Xunta de Galicia que destaca sobre todo o seu potencial para optimizar a xestión de recursos, controlar os fluxos turísticos e apoiar a toma de decisións baseada en datos.

Unha das medidas céntrase precisamente na creación dun espazo de datos turísticos en Galicia, co emprego de técnicas de big data e IA, “que se están a estruturar a través do Observatorio de Sostibilidade Turística”, salientou Xosé Merelles. No marco desta iniciativa “desenvolveuse xa o novo cadro de mando de datos turísticos, unha ferramenta de monitorización do destino que analiza os principais indicadores sobre demanda turística e rendibilidade económica”.

O director de Turismo de Galicia mencionou outros proxectos do seu departamento relacionados coa intelixencia e dixitalización turística, como o sistema de monitorización de datos SIMADA, no que colabora co Clúster de Turismo de Galicia, unha ferramenta gratuíta para empresas de aloxamento, que proporciona datos sobre ocupación e prezos; ou a instalación de sensores de medición no Camiño de Santiago para a toma de decisións baseada en datos.

Programa Turismo intelixente

O programa formativo ‘Turismo intelixente: ferramentas de IA para a transformación do sector’ está organizado polo Clúster de Turismo, en colaboración con Turismo de Galicia. A iniciativa tentou achegar as posibilidades da intelixencia artificial á industria turística galega, e afondar no uso no mundo real de ferramentas dixitais e IA aplicadas ao turismo, en áreas como o márketing, a comunicación e a automatización de procesos.

Arriba