A Vía Querinissima toma o modelo do Camiño de Santiago para ser recoñecida como Itinerario Cultural Europeo
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo director de Administración e Relacións coas Asociacións Amigos do Camiño do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, mantivo un encontro con distintas autoridades da Rexión italiana de Veneto e da Asociación Cultural Internacional Via Querinissima co fin de intercambiar coñecemento e experiencia ao redor da xestión do Camiño de Santiago de cara a enriquecer a proposta desta entidade para obter o recoñecemento como Itinerario Cultural Europeo.
A Vía Querenissima é unha proposta transnacional que recrea por mar e terra a viaxe (1431–1433) do navegante veneciano Pietro Querini, conectando Grecia, Italia e o Atlántico norte (Noruega e Suecia), e articulando ademais treitos en España vencellados á peregrinación a Santiago desde a ría de Muros-Noia.
A vinculación con Galicia radica en que tras arribar na costa galega, Querini peregrinou desde Muros ao sepulcro do Apóstolo en Compostela, percorrido hoxe documentado por entidades locais e bibliografía, catalogada na Rede de Bibliotecas de Galicia e tamén en traballos da Ría de Muros-Noia.
A rede está formalizada desde 2022 como asociación internacional con sede na Rexión do Véneto e socios públicos e privados en, cando menos, cinco países europeos, entre eles España (Ría de Muros-Noia e Concello de Cádiz). A entidade busca o recoñecemento como Itinerario Cultural Europeo, ampliando o seu alcance con novos socios e proxectos europeos.
Durante o encontro, o director de Turismo de Galicia destacou que “este proxecto vén a reforzar os lazos históricos e culturais que existen entre esta comunidade e Italia, en xeral, e co Camiño de Santiago en particular, ao estar relacionada coa chegada dos restos do Apóstolo a Galicia”. Ademais, Xosé Merelles trasladoulle toda a xestión realizada ao redor do Camiño desde 1987, ano en que foi declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa, recoñecendo, entre outros aspectos, a memoria colectiva e a construción europea.