16 xul 2019

Feijóo convida aos galegos a ser partícipes na organización dun "Xacobeo de 5.000 días" que permita amosar a mellor Galicia da nosa historia

 O titular da Xunta recalcou  que o Plan estratéxico do Xacobeo 2021  está dotado cun mínimo de 247,7 millóns, que se suman aos máis de 33 millóns xa investidos

 
Resalta que será un Xacobeo verde, comprometido coa súa autenticidade: o Camiño, a paisaxe, o patrimonio, a gastronomía propia
 
Avoga por un Xacobeo innovador, capaz de promocionar unha Galicia cada vez máis tecnolóxica, máis dixital e máis comprometida cos sectores emerxentes
 
Resalta o compromiso cun Xacobeo familiar e mozo, que conxugue os intereses e as visións de todas as xeracións e accesible a todos
 
Lembra que as melloras levadas a cabo nos últimos anos e o labor de promoción permitiron que, pese a non haber xacobeos desde o ano 10, o espírito peregrino non fixese máis que medrar
 
Apela á necesidade de traballar todos xuntos, “para que o conxunto da cidadanía se sume e abra unha era Xacobea, e máis participativa que nunca”
 
Avanza que esta mesma tarde o Plan estratéxico do Xacobeo 2021 será remitido a todos os grupos parlamentarios e que o conselleiro de Cultura e Turismo pedirá a comparecencia no pleno para explicalo na reunión da comisión Organizadora do Xacobeo 2021, que o Xacobeo 2021 está chamado a ser o principio da Galicia da nova década “e o pistoletazo de saída para as nosas ilusións e as nosas expectativas comúns”
 
O presidente da Xunta explicando o Plan estratéxico do Xacobeo 2021.

 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, convidou  aos galegos a ser partícipes na organización dun “Xacobeo de 5.000 días” que permita, aseverou, amosar a mellor Galicia da nosa historia.

Logo da reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, Feijóo subliñou que tras 11 anos sen haber ano santo, nos vindeiros 11 celebraranse tres, unha circunstancia que animou a converter nunha oportunidade, abrindo unha era xacobea que comece desde xa mesmo e que non remate o 31 de decembro de 2021, senón que se prolongue nos seguintes anos ata conectarnos coa década seguinte. “E sendo capaces, durante todo ese tempo –precisou-, de que Galicia sexa un epicentro internacional no que amosarnos desde o punto de vista cultural e turístico, coa repercusión social e económica”.

Durante a súa intervención, Feijóo fixo fincapé en que o máis importante é que non se trata dun proxecto para un ano illado, senón que se trata dun proxecto que comeza desde este momento e cun horizonte que mira a 2027 e 2032, os seguintes anos santos. Deste xeito, recordou que a situación é semellante á que se viviu no seu día co Xacobeo 93; “e, por iso, debemos poñer o mesmo interese e a mesma implicación para lograr que volva ser un novo punto de inflexión na nosa historia”, recalcou.

Un Plan estratéxico dotado cun mínimo de 247,7 millóns

Con este obxectivo, asegurou que unha das características máis importantes do Plan estratéxico Xacobeo 2021 presentado hoxe é que está dotado con recursos: cun mínimo de 247,7 millóns de euros. Grazas á antelación coa que se está a traballar, xa se teñen investido máis de 33 millóns, cifra á que agora se sumará o que investiremos neste novo período e que suporá, como mínimo, os 247,7 millóns.

Feijóo aseverou que a Xunta seguirá avanzando con esta folla de ruta para poder chegar ao 2021 coa capacidade de afirmar que Galicia ten os maiores e os mellores instrumentos para presentarse ao mundo non só nese ano, senón durante toda a década, aproveitando tamén os Xacobeos 2027 e 2032 que virán a continuación.

“Estamos a falar dunha folla de ruta que marque non só o que imos facer senón tamén como o imos facer”, afirmou, ao tempo que precisou que o ano santo non é a mera suma dunha serie de actos relixiosos, programas culturais ou festexos, senón que é a oportunidade de dar, todos, o mellor, para ofrecer xuntos a mellor Galicia. “Non só no plano cultural e turístico senón en todos os sectores económicos e ámbitos sociais, porque o Xacobeo é un motor cun efecto multiplicador que debemos aproveitar ao longo de toda a próxima década”.

Un Xacobeo verde, innovador, familiar e mozo

Ao respecto, aseverou que este plan estratéxico non podía ignorar os obxectivos que a Galicia da próxima década está a perseguir, resaltando que será un Xacobeo verde, comprometido coa súa autenticidade, con aquilo que máis o identifica: o Camiño, a paisaxe, o patrimonio, a gastronomía propia. “E neste sentido, a sustentabilidade e a calidade deben ser obxectivos irrenunciables para que tanto os galegos como os visitantes se sumen ao coidado e promoción da nosa riqueza”, explicou.

Así mesmo, asegurou que será un Xacobeo innovador, capaz de promocionar unha Galicia cada vez máis tecnolóxica, máis dixital e máis comprometida cos sectores emerxentes. E un Xacobeo familiar, que conxugue os intereses e as visións de todas as xeracións e tamén de todos os colectivos, garantindo que sexa accesible a todos, con independencia da idade, da situación ou do lugar no que viva.

“E despois dun longo período de ausencia, estes anos santos, comezando polo 21, teñen que ser unha oportunidade para que moitos dos nosos mozos que nunca o fixeron desfruten esa experiencia pero tamén para que fagan as achegas da Galicia que ven, da Galicia da próxima década, da Galicia do futuro”, sentenciou.

O responsable do Executivo autonómico recordou que, ao longo dos últimos anos, houbo un traballo útil que nos permite chegar en mellores condicións e coas máximas expectativas.

Nesta liña, precisou que hoxe hai máis camiños, grazas ao recoñecemento oficial do Camiño de Inverno e o Camiño Portugués da Costa, e tamén coa forza renovada dos Camiños do Norte coa súa declaración como Patrimonio da Humanidade. O que fixo posible que as rutas xacobeas estean máis diversificadas, e que as alternativas ao Camiño francés estean medrando.

A Catedral foi obxecto da maior rehabilitación integral da súa historia: a fachada do Obradoiro xa está rematada e a restauración do Pórtico da Gloria conseguiu incrementar aínda máis o atractivo da Catedral. Estase a acometer a maior recuperación paisaxística dos máis de 1.500 quilómetros dos Camiños de Santiago, tanto ao seu paso por máis de 120 concellos como nas entradas en Santiago. O novo Centro de Acollida ao Peregrino supón un lugar digno de recibimento aos miles de peregrinos que chegan cada día, e que aínda se está a mellorar máis. Está a piques de rematar completamente a mellora das instalacións do Monte do Gozo, e un total de 12 albergues sumáronse á rede autonómica a maiores dos que había no Xacobeo 2010. E eventos ligados a esta celebración, como o Festival O Son do Camiño, estanse a consolidar.

Todas estas melloras e a labor de promoción permitiron que, pese a non haber xacobeos desde o ano 10, o espírito peregrino non fixese máis que medrar, cun 20% máis de peregrinos hoxe que no último Ano Santo. E, ademais, con dous importantes fitos: en 2012, por primeira vez o número de peregrinos estranxeiros superou aos procedentes do conxunto de España, ata o punto de que, neste momento, a porcentaxe é do 65 % fronte ao 35%. E igualmente, en 2017 superouse a barreira psicolóxica dos 300.000 peregrinos (en 2018 foron 327.378).

A era Xacobea máis participativa que nunca

O presidente da Xunta apelou á necesidade de traballar todos xuntos, “os que estamos aquí, pero tamén de forma aberta para que o conxunto da cidadanía se sume e abra unha era Xacobea, e máis participativa que nunca”, matizou.

Sobre este punto, quixo trasladar, primeiramente, o agradecemento a todos os que participaron na convocatoria O Teu Xacobeo, que se resolverá esta mesma semana e que tivo unha gran acollida. E agradeceu a presenza, na xuntanza, do Arzobispado de Santiago, así como a súa colaboración para que os ámbitos civís e eclesiásticos poidan converter cada ano santo nun éxito sen precedentes; do Concello de Santiago, cunha gran responsabilidade para que a acollida se produza nas mellores condicións de hospitalidade e seguridade; da Fegamp e da Delegación do Goberno.

Así mesmo, trasladou a intención de poder abordar co novo Goberno central diferentes temas nos que é necesaria a súa participación, desde algúns concretos como a recuperación dos BIC do Camiño ata outros máis xerais como o papel que debe de ter nun proxecto que tamén interesa ao conxunto de España.

O presidente do Goberno galego concluíu incidindo en que a Xunta traballará con todas as forzas e todos os instrumentos para que o período xacobeo que se abre sexa o mellor feito nunca. Non en van, recalcou que o Xacobeo 2021 está chamado a ser o principio da Galicia da nova década “e o pistoletazo de saída para as nosas ilusións e as nosas expectativas comúns”.

Por último, Feijóo confirmou que esta mesma tarde o Plan estratéxico do Xacobeo 2021 será remitido a todos os grupos parlamentarios e o conselleiro de Cultura e Turismo pedirá a comparecencia no pleno para explicalo.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!