03 feb 2014

Un total de 913.000 turistas estranxeiros aloxáronse nos establecementos regrados de Galicia en todo o 2013

O mercado internacional acada cotas do 24,1% no total de viaxeiros aloxados e do 20% das pernoitas rexistradas. Acádase así o máximo histórico de viaxeiros internacionais aloxados en Galicia.
No conxunto da oferta regrada rexístrase unha suba do 4,3% na cifra de viaxeiros, cun total de 3.784.796 e unha suba do 1,4% na cifra de pernoitas, con 8.055.429.
No conxunto dos establecementos hoteleiros e extrahoteleiros, o turismo internacional sube un 10,1% en cifra de viaxeiros e un 6,4% no tocante ás pernoitas.

Faro de Corrubedo.

Galicia recibiu no ano 2013 un total de 913.000 viaxeiros estranxeiros que se aloxaron nos establecementos regrados da comunidade. O Instituto Nacional de Estadística fixo públicos hoxe os datos de conxuntura turística regrada en Galicia para decembro.

O mercado internacional acada cotas do 24,1% no total de viaxeiros aloxados e do 20% das pernoitas rexistradas. Acádase así o máximo histórico de viaxeiros internacionais aloxados en Galicia. A cifra de españois aloxados en establecementos regrados de Galicia tamén subiu un 2,6% a respecto do ano anterior.

Así, no conxunto da oferta regrada, Galicia rexistrou en decembro deste ano unha suba da cifra de viaxeiros aloxados dun 0,7% e un aumento na cifra de pernoitas rexistradas do 4%. De igual modo, a estadía media rexistrou unha suba do 3,3% en decembro no conxunto da oferta regrada da comunidade.

Se se teñen en conta os datos relativos a todo o ano 2013 os viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros galegos medraron un 4,9% e as pernoitas rexistradas medraron un 1,9% a respecto do ano 2012. No conxunto da oferta regrada (hoteleira máis extrahoteleira) rexístrase unha suba do 4,3% na cifra de viaxeiros, cun total de 3.784.796 e unha suba do 1,4% na cifra de pernoitas, con 8.055.429.

De igual modo, no conxunto da oferta regrada, o turismo internacional sube un 10,1% en cifra de viaxeiros e un 6,4% no tocante ás pernoitas. Os datos son máis elevados aínda no segmento hoteleiro, no que os turistas internacionais medran un 11% e as pernoitas un 8% a respecto do ano 2012.

Arriba