08 mai 2014

Vigo acolle ata o día 11 de maio a segunda edición do Festival Náutico que conta coa participación das principais empresas de produtos e servizos do sector

A directora de Turismo de Galicia destacou na apertura do encontro a capacidade deste tipo de eventos para a reactivación económica e a internacionalización das empresas galegas asociadas á náutica e ao turismo náutico e lembrou a celebración este verán da Primeira Travesía Náutica Xacobea.

O secretario xeral para o Deporte, destacou a importancia do sector náutico para Galicia, tanto na súa faceta de sector produtivo como nos aspectos lúdico e deportivo.

Nava Castro, na inauguración do Festival Náutico

A directora de Turismo de Galicia e o secretario xeral para o Deporte asistiron hoxe á apertura do II Festival Náutico de Vigo. Nava Castro destacou hoxe na apertura da II Edición do Festival Náutico de Vigo as potencialidades e recursos de Galicia como destino para a práctica do turismo náutico. A segunda edición deste encontro, que se celebra dende hoxe ata o día 11 de maio no Marina Davila Sport de Vigo, ten por obxectivo promover e dar a coñecer ao público os diferentes produtos e servizos náuticos que se desenvolven en Vigo e na súa área de influencia.

Yatespot, Technonavalia, Ronáutica, Lexmar, Krug Naval, Marina Davila Sport, Beachescolas, Naco Marítima, Jotun, Jet Vigo, CC Service e Talleres Carpen son as empresas que participan neste evento que inclúe tamén actividades lúdicas, didácticas e de demostración para os visitantes.

Nava Castro resaltou a capacidade deste tipo de eventos para a reactivación da economía local e para a internacionalización das empresas así como a súa idoneidade para amosar a potencialidade dos sector nos aspectos innovadores relacionados coa práctica de actividades vinculadas á náutica. “Aglutinar esforzos e aproveitar sinerxías é fundamental para facer avanzar o sector turístico”, recalcou. “O Festival Náutico de Vigo está a ser un exemplo de colaboración interempresarial e tamén público-privada para facer medrar e para internacionalizar un segmento de gran atractivo empresarial, turístico e deportivo”, explicou a directora de Turismo.

Ao tempo, lembrou que a Comunidade galega conta con 1.659 quilómetros de costa e con 863 praias, 127 delas distinguidas coa Bandeira Azul. Galicia ten 129 portos de actividade pesqueira, comercial e náutico deportiva, dos cales 39 contan con instalacións náutico deportivas con servizos completos, cun total de 13.349 prazas. Dezasete dos portos deportivos galegos contan tamén co distintivo de Bandeira Azul e Galicia conta cun Concello Quality Coast e con 10 municipios distinguidos pola Bandeira Verde. Ademais, a comunidade conta 9 instalacións náutico-deportivas distinguidas con Q de Calidade Turística, liderando este segmento a nivel nacional.

A directora de Turismo de Galicia incidiu en que “neste mesmo territorio contamos co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, un dos nosos tesouros como destino e que forma parte dese 12% do territorio galego que está protexido”. De igual modo, explicou que este mesmo verán e con motivo da celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, Galicia acolle a primeira Travesía Náutica Xacobea.

Segundo dixo, trátase dunha das actividades centrais da conmemoración e é unha acción pioneira, que descubrirá aos viaxeiros un novo xeito de coñecer Galicia e unha forma singular de achegarse ás Rutas Xacobeas. Dende Turismo de Galicia, en colaboración con Asnauga – A Asociación de Clubs Náuticos de Galicia - organízase esta peregrinación náutica que ten por obxecto rememorar a Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago ata Galicia por mar, así como a propia peregrinación do Santo de Asís, ao tempo que se realiza esta viaxe única en Europa polas súas características.

Ao tempo, comentou que Turismo de Galicia aposta pola náutica a través da segunda liña do Plan Integral de Turismo. Esta liña céntrase na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos buscando a desestacionalización e os novos públicos. Nesa liña inclúense accións relativas ao aproveitamento das sinerxías existentes entre o turismo mariñeiro e o turismo náutico, así como o desenvolvemento de produtos turísticos especializados dirixidos a segmentos de público específico.

De igual modo, dixo, “traballamos na creación e promoción do Club de Produto Turístico da Auga de Galicia, dado que a auga é un dos elementos endóxenos máis auténticos e diferenciadores da nosa comunidade sobre o cal se poden articular numerosas experiencias turísticas”.

Pola súa banda, a intervención do secretario xeral para o Deporte centrouse en remarcar as potencialidades do sector náutico para Galicia, na súa consideración de sector produtivo e, por suposto, deportivo. “As nosas costas e rías son escenarios perfectos e inmellorables para a práctica dos deportes náuticos en concreto, e do conxunto das modalidades ligadas á mar en xeral”, sinalou Lete, quen tamén quixo poñer en valor a celebración deste tipo de encontros para o máis axeitado desenvolvemento do sector.

Destacou tamén o secretario xeral, a necesidade de que se continúe avanzando na realización das tarefas necesarias para o fortalecemento da náutica, especialmente no ámbito da fiscalidade e lexislativa apuntando, como unha das máis recentes medidas, o momento reformador que se está a vivir trala recente presentación da próxima reforma das titulacións náuticas.

Arriba