BUÑO-BORNEIRO-DOMBATE-VIMIANZO-CABO TOURIÑÁN
Suxerímosvos empezar este itinerario en Buño, cunha interesante visita ao Ecomuseo Muiño de Forno do Forte, onde poderemos comprobar en directo como se traballa a coñecida cerámica. Se vos gusta, en Buño hai varias tendas e obradoiros onde comprar o típico xogo de cerámica para facer a queimada ou algunha peza única.
A continuación, e acompañados dunha guía oficial, efectuaremos unha visita de 3 horas de duración que nos ha levar por dous símbolos da cultura castrexa e megalítica en Galicia: Castro de Bomeiro, en Cabana de Bergantiños, que conserva os restos dunha poboación da Idade do Bronce —e onde tamén se pode aproveitar para facer unha pequena ruta que pasa por distintos muíños— e o Dolmen de Dombate, posiblemente o máis famoso de Galicia e o mellor conservado, nun pavillón aberto e con centro de recepción de visitantes.
Pola tarde, podemos ir ata Vimianzo para coñecer o seu castelo (Torres de Vimianzo), fortaleza medieval perfectamente rehabilitada onde palilleiras e artesáns do liño traballan na Mostra de Artesanía en vivo. Veredes, ademais dos famosos encaixes de Camariñas, traballos en coiro e prata e pezas de cerámica.
Partindo de Vimianzo darémosvos as indicacións precisas para atopar algúns dos dolmens e mámoas da zona, monumentos megalíticos da prehistoria que están esparexidos por toda A Costa da Morte. Os máis interesantes e accesibles son o Dolmen de Pedra Cuberta, que lle dá nome á aldea onde se sitúa, e o da La Casota de Freáns, a un quilómetro a pé desde a aldea de Berdoias. Preto de aquí, podedes atopar praias salvaxes e gozar de pequenos paseos por pradarías, na procura das pedras máxicas de Galicia.
Tamén podedes ir buscar a última raiola de sol da Europa Continental no Faro de Cabo Touriñán, preto de calquera dos aloxamentos dispoñibles para esta ruta na vila de Muxía: Casa Trillo ou o Hotel Rural Fontequeiroso. Ambos os hoteis ofrecen unha saborosa cea con reserva previa. Aloxamento.
OPCIONAL: FISTERRA-MONTE PINDO GUIADO
Se queredes pechar o percorrido das pedras máxicas cunha ascensión ao Monte Pindo, recomendámosvos ampliar a estadía unha noite nunha casa rural na zona de Ézaro, con servizo de guía oficial para facer a subida ao Monte sen risco de nos perder polo camiño, ou de perder algunha das máxicas lendas que existen sobre a paisaxe pedregosa do Monte Pindo, que a nosa guía experta nos irá relatando polo camiño.
O aloxamento seleccionado é a Casa Rural Santa Uxía, antiga casa de labranza de 1920 situada na ribeira do encoro de Santa Uxía, entre as montañas do Monte Pindo e a tan só 5 minutos da praia de Ézaro, onde o río Xallas desemboca no mar nunha espectacular fervenza.
A ruta de sendeirismo que imos facer con guía é de 4 horas en total e non require preparación previa, xa que subiremos polo camiño que ten menos pendente. Nesta ruta coñeceremos de primeira man a historia desta catedral natural, un lugar onde a maxia se fai realidade e considerado por moitos como o Olimpo Celta de Galicia. O final da ruta está no punto máis alto, coñecido como A Moa e situado a 627 metros sobre o nivel do mar. Desde este punto gozaremos dunhas espectaculares vistas sobre o extremo final da Terra, o Cabo Fisterra, e se o tempo nos acompaña e temos uns bos prismáticos, poderemos albiscar desde alí as mesmísimas torres da Catedral de Santiago.