23 abr 2018

Galicia avanza en el diseño de su nuevo Plan estratégico de turismo rural tras conseguir ya el nivel de ocupación previsto para 2020

 Turismo de Galicia remata unha primeira fase das mesas de traballo preparatorias do novo plan, nas que participaron case 200 representantes das catro provincias

 
Os implicados subliñaron a necesaria colaboración para ofrecer aos viaxeiros unha oferta diferenciada e apostan pola profesionalización e o turismo sustentable
 
Unha das mesas de traballo nas que participaron máis de 200 profesionais do sector.

 A Xunta de Galicia concluíu  a primeira fase do traballo de campo que servirá de base para o deseño e elaboración do Plan Estratéxico do Turismo Rural, que pretende fixar as liñas futuras deste mercado en alza. De feito, Galicia acadou en 2017, con tres anos de antelación, a ocupación prevista para 2020 nas estimacións da Estratexia do turismo de Galicia. Nunca antes este sector superara unha ocupación media do 20%, o que ademais mellora a marca de ata nove comunidades.

Co fin de afondar nesta liña, nos últimos días celebráronse 15 mesas de traballo, nas que estiveron presentes axentes ligados a este sector nos 14 xeodestinos das catro provincias. Estas xuntanzas tiñan por obxecto testar a situación e fixar os retos cos representantes das administracións e cos principais axentes do sector. Con preto de 200 asistentes ás reunións, constatouse a crecente demanda neste segmento, que marcou máximo histórico en 2017.

Entre o abano de participantes estiveron, amais dos propios empresarios, representantes de organismos dinamizadores do turismo (concellos, deputacións, GDR, GALP ou xeodestinos), voceiros do sector académico, do sector primario (gandería, pesca e agricultura), persoal das denominacións de orixe e consellos reguladores do viño, así como representantes de asociacións de turismo rural, de turismo activo, gastronómico, de enoturismo, do Camiño de Santiago, guías oficiais de turismo, xestores de calidade turística ou axencias de viaxes.

Enquisas, entrevistas e expertos

Os asistentes subliñaron a necesaria colaboración entre todos os implicados para ofrecer aos viaxeiros unha oferta diferenciada, en liña coa Estratexia do turismo de Galicia 2020. Apostan pola formación, a sensibilización e a profesionalización e por un turismo sustentable vinculado á natureza, gastronomía e cultura, aos oficios artesanais e incluso á astronomía.

En paralelo a esta primeira fase do traballo de campo, estanse a realizar enquisas entre os establecementos de turismo rural, con entrevistas individuais e presenciais para coñecer a súa situación. Recompilarase tamén a opinión de 40 expertos para obter conclusións sobre a realidade social do turismo rural e marcar as liñas futuras para a súa dinamización. Estes traballos permitirán obter os datos cuantitativos e cualitativos sobre as distintas zonas, que serán analizados posteriormente para a definición das liñas estratéxicas a desenvolver.

As primeiras mesas tiveron lugar en Verín, Xinzo de Limia, Ourense, Ribadavia, Lugo, Foz, Monforte de Lemos, Folgoso do Courel, A Veiga, A Coruña, Arzúa, A Estrada, Pontevedra, Mos e Muxía, e contaron coa participación de todos os delegados territoriais da Xunta.

 

 

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!