22 nov 2021

Nava Castro destaca o papel das rutas xacobeas como escaparate da enogastronomía galega

 A directora de Turismo de Galicia participou no acto de apertura do “I Congreso Internacional A Gastronomía no Camiño”, impulsado pola Orde do Camiño de Santiago

 
O encontro celebrouse en Santiago de Compostela e Melide para impulsar o recoñecemento do papel da gastronomía nos Camiños de Santiago e a necesidade de impulsar prácticas sustentables na restauración dos Camiños
 
Presentación do Congreso de enogastronomía no Camiño.

 A diversidade e calidade da enogastronomía galega, o papel do Camiño de Santiago como escaparate desta riqueza e difusor das bondades gastronómicas de Galicia, así como a necesidade de avanzar na implantación de boas prácticas gastronómicas nas rutas de peregrinación centraron a intervención da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na súa participación da apertura do I Congreso Internacional da Gastronomía no Camiño, que se celebrou en diferentes puntos do Camiño de Santiago.

No acto, no que estivo acompañada por representantes da Orde do Camiño de Santiago, impulsora do Congreso, e autoridades de Arxentina, país convidado ao Congreso, Nava Castro destacou que o Camiño de Santiago “como embaixador de Galicia no mundo e como nosa mellor carta de presentación, xoga un papel fundamental na imaxe de Galicia no mundo” e que a gastronomía galega “é fundamental na promoción turística”. De aí a necesidade de “coidar este escaparate que é en boa maneira o Camiño e que permite ensinar o mellor de nós mesmo ao mundo enteiro”, afirmou.

 

Arriba