A Turismo de Galicia correspóndenlle as seguintes funcións:
A planificación da política de ordenación e inspección, fomento e competitividade do turismo dentro da comunidade autónoma, determinando as liñas de actuación de política turística, equilibradas e sustentables, que deben rexer no territorio galego.
A elaboración e proposta de normativa nas materias da súa competencia.
A dirección e coordinación das actuacións que poidan ter incidencia en materia de turismo que se desenvolvan no ámbito da Administración da Comunidade Autónoma.
A instauración de canles efectivas de comunicación con outros organismos locais, provinciais e da Administración central e outras administracións, así como co sector privado.
O desenvolvemento e xestión de plans integrais de turismo para aplicar nos xeodestinos e/ou establecementos turísticos, apostando pola innovación, calidade e sustentabilidade dos produtos turísticos que configuren o portafolios de produtos turísticos de Galicia.
O aproveitamento e potenciación dos recursos turísticos de Galicia mediante a promoción, publicidade, relacións públicas e outras accións de notoriedade, tanto no interior de Galicia coma no resto de España e no exterior, sen prexuízo das competencias da Administración central do Estado.
A coordinación, o impulso, a xestión e a execución das actividades de promoción turística interior e exterior públicas e público-privadas.
Os labores de información turística tanto a nivel nacional como internacional, directamente ou a través de convenios e concertos con institucións públicas e privadas para a creación, coordinación e desenvolvemento destas accións de información e promoción turística interior e exterior.
Directamente ou a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, a dirección e coordinación das actuacións relacionadas coa posta en valor cultural e turístico do Camiño de Santiago, a súa promoción, a xestión da imaxe corporativa do Xacobeo e da rede de albergues, e o mantemento e conservación dos camiños e a súa sinalización, así como calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño de Santiago.
A coordinación da participación da Comunidade Autónoma nas exposicións universais.
Dirixir e coordinar as actuacións relativas á análise, estudo, coñecemento e estatísticas no eido turístico, así como o desenvolvemento de tarefas de investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico no eido do turismo, sen prexuízo doutros organismos con competencias nestas materias.
O impulso da competitividade do sector turístico privado, fomentando a mellora da xestión interna das empresas turísticas, a I+D+i, a cooperación entre empresas e a formación.
A aplicación dos mecanismos necesarios para mellorar as estruturas e os fundamentos da formación profesional turística.
A formación de formadoras ou formadores vinculados aos estudos turísticos, tanto desde o punto de vista teórico coma práctico, así como a formación continua dos traballadores do sector turístico, sen prexuízo das competencias que lles poidan corresponder a outros organismos.
Calquera outra actividade orientada a mellorar a posición do sector turístico de Galicia no marco español e internacional.
O exercicio da función estatística da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de turismo, no marco do previsto no artigo 44 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.
Todas as operacións que sexan preparatorias, auxiliares ou complementarias das mencionadas.
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.
Configuración de cookies
Pode empregar estes botóns para personalizar os servizos que desexa utilizar neste portal.