Nava Castro salienta o rexistro de máis de 2000 vivendas de uso turístico nos primeiros días da entrada en vigor do novo decreto
A directora de Turismo de Galicia destacou, no transcurso dunha charla informativa impartida na sede da Fegamp, a boa resposta do sector nestes 20 primeiros días da entrada en vigo
Lembrou que esta normativa é unha oportunidade para o sector e para particulares debido á maior seguridade xurídica que ofrece
Desde a entrada en vigor do novo decreto de vivendas de uso turístico, hai 20 días, xa se rexistraron máis de 2000 vivendas desta modalidade na Comunidade galega.
Así o avanzou hoxe a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a súa participación nunha charla informativa sobre esta normativa, impartida na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), onde estivo acompañada pola directora xeral de Administración Local, Marta María Fernández-Tapias.
Nava Castro explicou que, desde a entrada en vigor do decreto, as novas altas están a ir a moi bo ritmo, tanto de maneira telemática como de maneira presencial nos rexistros da administración dirixidos aos servizos provinciais de Turismo de Galicia correspondentes.
Máis oferta e con seguridade xurídica
Neste senso, recordou que estes primeiros datos demostran que o decreto non diminuirá a oferta deste tipo de aloxamento, senón que a incrementará debido “á maior seguridade xurídica para poder exercer a competencia”, explicou.
A responsable de Turismo da Xunta describiu este decreto como unha “oportunidade” para o sector e tamén para os particulares e indicou que se trata dun modelo flexible e de moi sinxela aplicación e que a Xunta é o executivo autonómico que regula de maneira máis doada este tipo de alugueiro.
Nava Castro animou aos propietarios de vivendas a que cumpran os requisitos para acollerse a esta nova modalidade, recordando que o procedemento para darse de alta como vivenda turística implica a presentación dunha declaración responsable de inicio de actividade.
Deberase cubrir o modelo normalizado que se publica xunto ao decreto e que está dispoñible na páxina web de Turismo de Galicia, así como o xustificante de pago das taxas de clasificación turística de 56,82 euros.