12 xuñ 2017

A nova temporada dos trens turísticos de Galicia ofreceu a primeira viaxe da Ruta dos Faros e da Ribeira Sacra

 A nova edición da campaña de trens turísticos de Galicia arrancou a pasada fin de semana cos percorridos do tren da Ruta dos Faros e o da Ruta da Ribeira Sacra, dous dos once itinerarios temáticos que este verán percorrerán Galicia no marco desta iniciativa conxunta entre Turismo de Galicia, Renfe, e a Deputación de Ourense, a través do Inorde.

A Ruta dos Faros realiza a súa saída dende a estación de ferrocarril de Ferrol, para percorrer algunha das paraxes costeiras máis destacadas do norte galego, incluíndo visitas ao Cabo Ortegal, Serra da Capelada ou visita ao faro de Estaca de Bares ou Ribadeo, entre outros.

Pola súa banda, a Ruta da Ribeira Sacra parte da estación do tren de Ourense e inclúe visita aos Canóns do Sil, a adegas da zona, así como ao centro de interpretación da Ribeira Sacra, entre outras paraxes.

Con estas dúas rutas dáse comezo á nova temporada da que é unha das experiencias turísticas máis exitosas do verán galego, que o ano pasado rexistrou unha ocupación media superior ao 80% entre xuño e setembro, recibindo viaxeiros de 19 nacionalidades diferentes.

Once itinerarios

O programa deste ano inclúe –ademais da Ruta dos Faros e da Ribeira Sacra- as rutas ‘Ourense termal e de compras’, que combina o turismo polo casco histórico da cidade das Burgas, as Termas de Outariz e tempo libre para realizar compras opcionais pola cidade; ou a ‘Ruta Descubrindo A Coruña’, na que os viaxeiros poderán descubrir a cidade camiñando polo paseo marítimo e percorrendo as súas rúas. Ambas, son as dúas novidades deste ano.

A eles súmanse a ‘Ruta dos pazos e xardíns históricos’, que recorre desde Santiago ata Vigo para visitar o Castelo de Soutomaior ou o Pazo de Quiñones de León; a ‘Ruta da Lamprea’, que inclúe unha visita ao museo da lamprea ou á fortaleza de Salvaterra ou ‘Ruta Lugo Romano’, que permite visitar o casco histórico de Lugo e unha visita ao Balneario de Lugo.

Como cada ano, os trens turísticos de Galicia, tamén inclúen as cinco rutas que percorren as Denominacións de Orixe dos nosos viños coa Ruta do Viño Ribeira Sacra, a das Rías Baixas, a de Monterrei, a do Ribeiro-Rías Baixas, a de Valdeorras-Ribeira Sacra.

Ata o mes de outubro

En total a edición deste ano conta con 11 itinerarios, con 56 saídas regulares, que se desenvolven dende hoxe ata o 28 de outubro. Todo, cunha ampla oferta para recorrer as catro provincias galegas en rutas dun día na que se inclúen desprazamentos en autobús e visitas guiadas.

 
Arriba