17 mar 2014

A directora deTurismo de Galicia presenta o libro ‘Nove e a nova cociña galega’ e destaca a posición de Galicia como referente culinario de calidade

A publicación ‘Nove a nova cociña galega. Cociñeiros, paisaxes e produtos’ inclúe receitas elaboradas por 23 cociñeiros e referencias de produtos galegos e de produtores.


A acción promocional enmárcase no convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Grupo Nove cuxo obxectivo é a promoción conxunta de Galicia como destino turístico, promovendo e comercializando a gastronomía galega.

Presentación do Libro do grupo Nove, no Centro Superior de Hostelería de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu no acto de presentación do libro Nove e a nova cociña galega. Cociñeiros, paisaxes e produtos, unha iniciativa que xurdiu da colaboración entre o Grupo Nove e Turismo de Galicia e que recompila receitas e referencias de produtos típicos da gastronomía galega interpretadas polos cociñeiros desta asociación gastronómica.


Segundo destacou a directora de Turismo na presentación, “a importancia de desenvolver iniciativas que divulguen a nosa potencialidade como destino gastronómico radica na súa capacidade de transcender os tempos e de manter vivo un recurso único”. E engadiu que ademais das máis de 300 festas de exaltación gastronómica e do traballo diario dos nosos máis de 5.000 establecementos de restauración nos que se reinventan cada día os pratos da cociña de Galicia, a posta en marcha de iniciativas como esta publicación evidencia que nos atopamos ante “un sector innovador, vivo e competitivo”.


Ao tempo, a directora incidiu na posición de Galicia como destino referente na cociña baseada nas materias primas de calidade e resaltou ao tempo que en Galicia temos 51 servizos de restauración distinguidos coa Q de Calidade Turística, 11 Estrellas Michelin e 24 Soles Repsol.


Nava Castro comentou tamén que dende Turismo de Galicia desenvolvéronse iniciativas como as Rutas dos Viños de Galicia, a Xornada de Portas Abertas ou o desenvolvemento de aplicación para teléfonos intelixentes sobre enoturismo que contribúen á posta en valor da gastronomía galega como recurso turístico diferencial. Ao tempo lembrou que Turismo de Galicia vén de publicar unha orde de axudas especificamente dirixidas a incentivar a obtención do distintivo Q de Calidade Turística. “A calidade é o sinal de identidade da nosa cociña e da nosa terra”, dixo.


A colaboración de Turismo de Galicia co Grupo Nove , ten por obxectivo a promoción da gastronomía da nosa terra a través de accións como eventos promocionais, asistencia a eventos de promoción turística e realización de demostracións culinarias, así como a publicación do libro que hoxe se presentou, entre outras actividades.


A través das imaxes dos 23 cociñeiros do Grupo Nove e con magníficas fotografías de Ovidio Aldegunde, así como as achegas textuais de Martín Berasategui, Manuel Gago e Marta Fernández Guadaño o lector pode afondar nos aspectos máis contemporáneos da gastronomía galega actual.


As paisaxes de Galicia e o seu significado para cada cociñeiro, en combinación con algúns dos produtos máis exquisitos e singulares da nosa tradición culinaria, con referencias aos seus produtores e comercializadores e á calidade destes, son a carta de presentación das receitas elaboradas polos cociñeiros do Grupo Nove.


O bonito, as mazás tabardillas, a tenreira galega, as vieiras, o queixo de San Simón, o tomate negro de Santiago, as volandeiras, a galiña piñeira, o millo tenro, os ourizos, a auga mareira… son os ingredientes que protagonizan as receitas.


A enogastronomía no Plan Integral de Turismo
Na presentación da nova publicación, a directora de Turismo recalcou a aposta pola difusión do produto enogastronómico de Galicia a través do Plan Integral de Turismo de Galicia, no que se identifica como fortaleza do destino a variedade e calidade dos produtos enogastronómicos, como elementos que constitúen vantaxes competitivas e diferenciais a respecto doutros destinos.


Ao tempo, xunto co Camiño de Santiago e o noso patrimonio natural e cultural, a enogastronomía conforma un valor diferencial dos que fan de Galicia un destino único. Segundo explicou a directora de Turismo, o reto do turismo galego pasa por posicionar a Galicia como marca e como destino diferencial a nivel interno, nacional e internacional, a través da segmentación e priorización dos mercados emisores e mais da optimización das novas canles de promoción e comercialización.


O Plan Integral de Turismo inclúe unha liña estratéxica centrada na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos. Nela inclúense a acción de poñer en marcha o programa para o desenvolvemento e promoción do produto transversal do turismo enogastronómico.

Arriba
Axúdanos a mellorar!