24 xan 2013

Turismo presentou onte o Destino Galicia nos almacéns Harrods de Londres ante 150 xornalistas e operadores turísticos británicos

A directora-xerente de Turgalicia,Carmen Pita, e o conselleiro de Turismo en Londres, Enrique Ruíz de Lera, dirixiron o acto de presentación, que consistíu nunha cata de viños da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas. No acto estivo presente tamén o embaixador de España no Reino Unido, Federico Trillo

Trátase dunha acción de notoriedade que complementa a campaña de publicidade desenvolvida en Londres nos últimos meses para promocionar os destinos A Coruña-Rías Altas e Vigo-Rías Baixas. A campaña inclúe a promoción destes destinos galegos nos almacéns Harrods de Londres, polos que pasan cada día 42.000 persoas

PRESENTANCIÓN EN HARRODS

A directora-xerente de Turgalicia, Carmen Pita, interveu na tarde de onte para falar do destino Galicia durante unha presentación dirixida a operadores e prensa especializada da capital britántica. Durante o acto estivo acompañado polo conselleiro de Turismo en Londres e mais polo embaixador de España no Reino Unido. Máis de 150 axentes de viaxes, xornalistas e blogueiros británicos asistiron á presentación do destino Galicia, a través de Vigo-Rías Baixas e A Coruña-Rías Altas, que se celebrou  nos almacéns Harrods de Londres, dentro da promoción iniciada o pasado 17 de decembro neste contorno comercial.

Esta acción de mercadotecnia turística forma parte da campaña iniciada o mes de xullo de 2012 para a promoción de Vigo-Rías Baixas e A Coruña-Rías Altas nos mercados conectados con voos directos con estas cidades galegas.

Para a presentación destes destinos, o formato elexido foi o dunha cata de viños da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas. Esta actividade foi desenvolvida polo equipo da vinoteca dos propios almacéns Harrods, formado por varios sumilleres e expertos en viños.

Por outra parte, os grandes almacéns Harrods de Londres, acollen desde o día 7 deste mes a segunda fase da campaña de promoción de Galicia, organizada pola Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Londres, como continuación das accións levadas a cabo na capital británica ao longo dos últimos meses para a promoción Vigo-Rías Baixas e A Coruña-Rías Altas, unidas con voos directos coa primeira cidade de Gran Bretaña.

Como xa informara a Xunta de Galicia, esta acción de mercadotecnia divídese en dúas partes. A primeira iniciouse o pasado día 17 de decembro e estendeuse ata o pasado día 10 de xaneiro, e incluíu a instalación de catro escaparates con imaxes da Coruña-Rías Altas e Vigo-Rías Baixas integradas con moda de Harrods e outros elementos iconográficos galegos. Estes escaparates atopábanse fronte a rúa Hans Crescent e situáronse nas portas 5 e 6, polas que pasan 526.717 consumidores ao mes.

Tempada de rebaixas

A segunda fase da campaña, a máis numerosa en actividades de promoción, comezou o día 10 de xaneiro e estenderase ata o día 3 de febreiro.

Nesta segunda fase inclúese a instalación de elementos gráficos para promocionar Galicia a través da Coruña-Rías Altas e Vigo-Rías Baixas, tamén nos escaparates que se sitúan fronte á Brompton Road, coincidindo coa época de rebaixas, a máis activa nos grandes almacéns Harrods.

Outras accións de promoción

Ademais dos escaparates, no interior de Harrods, emítense imaxes de Galicia, centradas na Coruña- Rías Altas e Vigo-Rías Baixas, cada 10 minutos e a través de montaxes de cinco segundos nun total de 73 pantallas, algunhas de gran tamaño situadas nas portas 3,5 e 10, e nas “escaleiras exipcias”, que son as zonas de más tránsito de clientes. Outras pantallas atópanse no exterior do edificio, en Basil Street, Has Crescent e Brompton Road.

Tamén se cubriron con vinilos da campaña o ascensor central da segunda planta e o da planta baixa, que son tamén zonas moi transitadas polos visitantes.

Catálogo de Harrods

Outra das accións incluídas nesta campaña é a inserción do logo da marca do Turismo de Galicia e catro fotografías que inclúen A Coruña-Rías Altas, Vigo-Rías Baixas e Santiago de Compostela, na portada e no interior do catálogo mensual de Harrods do que se editan 120.000 exemplares e moitas veces se garda como recordo.

Por otra parte, durante o tempo de campaña, cada ticket de caixa destes grandes almacéns levará unha foto da Torre de Hércules. Emítense un millón de tickets ao mes, pero tratándose da tempada de rebaixas, a cantidade dispárase.

Autobuses de Harrods tourmaster

Ademais, a imaxe das galerías da Avenida da Mariña da Coruña está impresa na parte central dos autobuses que Harrods emprega para anunciar a campaña na cidade de Londres. Dentro desta campaña, tamén está previsto publicar unha páxina de publicidade na revista dos grandes almacéns.

Concurso
Por último está previsto que se celebre un concurso entre os clientes de Harrods que consistirá nunha estancia de catro días en Galicia –dous días na Coruña Rías-Altas e outros dous en Vigo-Rías Baixas-. Este concurso publicitarase mediante anuncios en nas pantallas dos grandes almacéns e a través dun display que estará dispoñible nas zonas das caixas rexistradoras.

Acción de promoción marca Galicia

Esta campaña supón unha acción de promoción da marca Galicia, xa que ademais da repercusión que terá o desenvolvemento de todas as accións de promoción nun lugar como os grandes almacéns Harrods, a vinculación destes coa marca Galicia supón unha posta en valor do destino ante o público británico en xeral e ante os clientes destas tendas en particular, que pertencen a un segmento de cliente de alto poder adquisitivo.

Hai que ter en conta que Harrods é un dos lugares de Londres máis visitados polos turistas, polo que con esta acción de mercadotecnia tamén se chegará a outro público internacional.

Trátase, en definitiva, dunha campaña destinada a prestixiar a marca Galicia empregando fórmulas de branding turístico.

Arriba