O Turismo galego promociónase en Roma
Turismo de Galicia presenta un programa de actividades para a difusión turística galega na capital italiana entre os días 18 e 26 de maio.
O centro comercial Porta di Roma, na capital de Italia, acolleu a pasada fin de semana un evento de promoción turística de España no que tamén participou Turismo de Galicia, ao obxecto de promocionar o turismo galego entre os cidadáns romanos.
Deste xeito, a Oficina de Turismo de España en Roma instalou un recinto de promoción turística neste espazo comercial, no que Turismo de Galicia ofreceu aos visitantes información turística da Comunidade galega e produtos galegos con denominación de orixe.
Por outra parte, dentro das xornadas de promoción turística de España en Roma, que se desenvolverán entre os días 18 e 26 de maio, terá lugar unha exposición de tres artistas galegos na sede da Academia de Roma.
Centro comercial Alberto Sordi
Ademais, entre os días 20 e 26 de maio, o centro comercial Alberto Sordi da capital italiana, un dos máis importantes e concorridos de Roma, acollerá as xornadas de promoción turística en Roma, do mesmo xeito que o centro comercial Porta di Roma.
Dentro das actividades destas xornadas de promoción turística de España en Roma, nas que tamén participa Galicia, o día 23 de maio celebrarase un almorzo con operadores turísticos italianos para a difundir os valores turísticos de Galicia entre o sector turístico italiano.
Tamén, o día 24 de maio, dentro dun espectáculo de difusión da cultura española en Roma, Turismo de Galicia terá a a oportunidade de promocionar os produtos enogastronómicos máis representativos da Comunidade galega.