03 xuñ 2013

Turismo de Galicia presenta unha nova aplicación para móbiles que permite descargar información sobre sendeiros

Turismo de Galicia deseñou esta ferramenta para teléfonos intelixentes que se pode descargar de modo gratuíto e que permite obter información sobre as sendas homologadas de Galicia.

 

O obxectivo é pór a disposición do usuario unha aplicación que se actualiza de modo permanente e que facilita a busca de información e características técnicas dos roteiros, sinalización, sistema MIDE e consellos para sendeiristas.

Presentación da APP Sendegal.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da directora-xerente de Turgalicia, Carmen Pita e mais do presidente da Federación Galega de Montañismo, Adolfo Puig presentou  a nova aplicación para smartphones destinada á promoción do sendeirismo na comunidade.

 

A aplicación pretende poñer en valor e facer accesible a información para todos aqueles interesados na práctica do sendeirismo, dado que o destino Galicia reúne excelentes condicións para camiñar en contacto coa natureza, favorecendo ademais o turismo sostible.

Para dar a coñecer estes percorridos Turismo de Galicia conta cunha guía explicativa, e a partir de hoxe cunha nova ferramenta para promocionar o sendeirismo e o turismo de natureza, utilizando as tecnoloxías dos teléfonos intelixentes (Iphone, Android, Blackberry). Segundo explicou a directora de Turismo, “a natureza é a primeira motivación pola que os turistas nos elixen como destino, de modo que proporcionar ferramentas ao alcance de calquera usuario para poder disfrutar da nosa paisaxe e dos nosos recursos naturais é un modo de mellorar a estadía na nosa comunidade, de fidelizar ao usuario e de poñer en marcha actividades desestacionalizadoras”.

 

Segundo explicou Nava Castro, en Galicia hai catro sendeiros homologados como GR, isto é, Gran Percorrido: Panorámico de Vigo, Sendeiro das Greas, Rural de Galicia e Camiño de Santiago. A través da aplicación o Camiño de Santiago, por exemplo, ten unha nova ferramenta baseada nas novas tecnoloxías dispoñible para todos aqueles que desexen obter información puntual sobre os tramos concretos.

 

A aplicación, que se chama SENDEGAL pódese buscar nas bibliotecas ou app stores tecleando as palabras SENDERISMO GALICIA. Xa está dispoñible para o seu uso e pode descargarse gratuitamente para os móbiles de última xeración. A información proporciónase en galego, en castelán e en inglés, de xeito que o usuario opta polo idioma que prefira dende a primeira pantalla de presentación.

 

Nesta pantalla o usuario pode atopar información sobre os roteiros homologados en Galicia, ademais dunha serie de consellos que facilitarán a experiencia ao camiñante como información sobre sinalización, sobre o significado das balizas e das frechas ou sobre as clasificacións de sendeiros, de gran percorrido, de pequeno percorrido, variantes e derivacións.

No apartado de Ver Roteiros de Galicia, ofrecese información sobre aquelas rutas ou sendeiros que son homologados pola Federación Galega de Montañismo, dado que cumpren requisitos técnicos e pasan un control periódico e inspeccións. Nas revisións e reedicións contrástase a información cos sendeiros homologados. Estas rutas poden buscarse por nome concreto ou visualizalas nun mapa.

 

Os diferentes roteiros permiten obter información sobre a Ruta, onde se encadra, como chegar a ela, o percorrido ou a información MIDE, sobre o risco, dificultade, desprazamento ou esforzo. Así como fotografías e a posibilidade de descargar a ruta no dispositivo móbil.

Ademais poden escollerse diferentes tipos de Cartografía segundo as preferencias ou hábitos do usuario: OpenStreetMap; Mapa Híbrido; Mapa Satélite e Mapa de Carreteras. Unha vantaxe innovadora desta APP é que se o usuario queda sen cobertura, pode visualizarse a información off line, previa descarga do contido antes da saída. De modo que sempre se terá acceso á cartografía base no caso de que o usuario detecte algún fallo no dispositivo móbil.

 

E tamén se poden visualizar previamente fotografías da ruta escollida, así como información puntual sobre se o percorrido se pode facer dacabalo ou se é ciclable. No apartado de Consellos sobre Sendeirismo, atópase información sobre sinalización e sendas de pequeno e longo percorrido e sistema MIDE.

 

Do mesmo xeito que acontece coa a aplicación de Enoturismo Galicia, a información actualízase en tempo real cada vez que se introduce nova información na web de Turismo de Galicia (www.turgalicia.es). Pódese obter información detallada sobre as aplicacións dispoñibles na parte de DESCARGAS E UTILIDADES da web.

Arriba