Turismo promociona en París o destino Galicia e as Rías Baixas nunha presentación para operadores e prensa especializada do país galo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, realizou unha presentación da oferta turística de Galicia dirixida ao segundo mercado internacional máis importante para Galicia
As Rías Baixas e os seus recursos máis singulares tamén estiveron presentes no acto promocional.
Operadores de viaxes, medios de comunicación especializados e profesionais do sector turístico recibiron información sobre os principais recursos turísticos da comunidade.
O Hotel Banke de París acolleu a presentación da oferta turística de Galicia e dos seus principais recursos. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, realizou unha presentación centrada nos recursos turísticos da comunidade e máis no destino Rías Baixas. No acto estiveron presentes tamén a responsable de Turismo Rías Baixas, Ruth González; así como o director da Oficina Española de Turismo en París, Ignacio Vasallo.
Axentes de viaxes, operadores turísticos, medios de comunicación especializados e profesionais do sector turístico da capital gala presenciaron esta acción promocional nun mercado que supón para Galicia o segundo mercado internacional máis importante. Segundo a enquisa Frontur, máis de 151 mil viaxeiros procedentes de Francia visitaron Galicia en 2012. O 16,9% dos viaxeiros internacionais que recibe a comunidade proceden deste país.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a importancia do Camiño de Santiago como lugar de encontro, comunicación e transmisión cultural, así como o feito de que a Ruta Xacobea teña dado orixe a primeira gran rede asistencial de Europa e conte dende 1987 coa declaración de Primeiro Itinerario Cultural Europeo.
Do mesmo xeito, resaltou o feito de que Galicia conte con catro Patrimonios da Humanidade declarados pola UNESCO e que constitúen parte fundamental da oferta turística da comunidade. Así mesmo, resaltou o potencial gastronómico e enoturístico da Comunidade –coa maior variedade de produtos do mar do mundo e cinco Denominacións de Orixe vitivinícola que se poden coñecer percorrendo as Rutas do Viño de Galicia-, a posibilidade de practicar o termalismo, o turismo mariñeiro e as actividades náuticas, así como a oferta de lecer e turismo activo vinculada á natureza.
Nava Castro incidiu tamén na súa exposición na singularidade e calidade dos areais galegos así como na oferta de instalacións naútico-deportivas distinguidas pola súa calidade e mais no primeiro posto da comunidade no relativo aos sendeiros azuis.
A directora de Turismo explicou tamén que Galicia acolle desde mediados deste ano os actos conmemorativos da celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, que contribuirá a completar a oferta turística, cultural, expositiva e congresual do destino Galicia ata mediados de 2015.
Nava Castro convidou tamén a aproveitar a conectividade que actualmente ten a capital francesa con Galicia para participar nestes actos conmemorativos e para coñecer a oferta turística e cultura da terra que é a meta do Camiño de Santiago.
Pola súa parte, a responsable de Turismo Rías Baixas, Ruth González destacou a potencialidade das Rías Baixas como destino turístico. Incidiu na calidade da infraestrutura de aloxamento e nas singularidades dunha oferta articulada en torno ao viño –con Denominación de Orixe Rías Baixas-; a gastronomía; as praias e o mar e a Ruta da Camelia. Ruth González fixo fincapé ao tempo na accesibilidade do destino, o termalismo e o turismo urbano. Do mesmo xeito, resaltou o feito de que as Rías Baixas van ser a primeira etapa da Vuelta Ciclista a España, un acontecemento que permitirá proxectar o destino e poñer en valor boa parte dos seus recursos naturais e paisaxísticos.