24 xuñ 2013

A edición número XIII de Termatalia posicionará Galicia como destino internacional líder en turismo de saúde e benestar

Ourense acollerá a nova cita da feira orientada ao sector do turismo de saúde e benestar, que na edición de 2012 se celebrou en Perú e que regresa a Galicia en setembro.

 

O posicionamento do destino Galicia no mercado internacional como destino líder en turismo termal é un dos obxectivos da vindeira edición de Termatalia, que este ano chega á súa 13ª edición e que retorna ao recinto feiral de Expourense tras a súa celebración en Perú na edición de 2012.

Termatalia celebrarase na cidade de Ourense.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o presidente do comité executivo de Expourense, Celso Manuel Barbosa, asinaron en Ourense un convenio de colaboración con motivo da vindeira edición da feira, que se celebrará entre os días 20 e 22 de setembro. No acto de sinatura estiveron presentes tamén o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez e mais o director xerente de Expourense e director de Termatalia, Alejandro Rubín.

 

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, en Galicia existe unha concentración de recursos termais única, cun manancial por cada dez mil habitantes e contamos cunha infraestrutura moderna e diversificada, tanto en balnearios como en talasos. O 20% das instalacións termais existentes en España están na comunidade galega, con 21 centros de balneoterapia que ofertan 2.862 prazas de aloxamento. Os balnearios galegos aportan clientes a outras dez mil prazas de aloxamento situadas na contorna dos centros termais.

 

A directora de Turismo de Galicia incidiu en que “a aposta polo termalismo e o turismo de saúde é fundamental para conseguir un destino diferencial, que potencie o desenvolvemento sostible e que ofreza produtos únicos, de calidade diferenciada e caracterizados pola súa capacidade de xerar fluxos turísticos”. Do mesmo xeito, recalcou que Galicia é a comunidade líder en distintivos de Calidade Q nos establecementos termais.

 
Capacidade de internacionalización


Nava Castro explicou que é fundamental para Turismo de Galicia apostar por dar visibilidade e dotar de capacidade de internacionalización a un dos nosos recursos endóxenos máis diferenciais. “O feito de contar cunha feira tan importante como Termatalia repercute directamente na imaxe de Galicia como destino de turismo de saúde”, explicou.

 

Termatalia é unha das catro Feiras Internacionais de Turismo que se celebran en España. Trátase da única Feira Internacional de Turismo Termal da Península Ibérica. Segundo comentou a directora, “a promoción e difusión do turismo termal así como o seu posicionamento como centro de negocios fai que o seu prestixio medre con cada edición e sexa xa un referente para a internacionalización de produtos e servizos vinculados ao termalismo”. E engadiu que “Turismo de Galicia e Expourense colaboramos na celebración desta feira co obxectivo de promocionar o turismo de saúde de calidade en constante crecemento, a mellora das nosas infraestruturas e a promoción, potenciación e desenvolvemento das augas termais”.

 

Nava Castro resaltou tamén que Termatalia se caracteriza ademais pola súa capacidade de encontro dos sectores implicados no termalismo funcionando como foro de entendemento, de intercambio de experiencias e de análise das necesidades.

 

Segundo se avanzou no acto de sinatura, Termatalia 2013 contará con actividades como o Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo; a misión de medios de comunicación especializados en termalismo e turismo de difusión en España e Portugal ou a organización dun famtrip para axentes minoristas, así como accións complementarias dentro da feira para o público como un Espazo Balneario.

Arriba