24 xuñ 2013

Este mes iníciase a III edición do Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia

O circuíto está organizado por Turismo de Galicia e conta cun calendario de 12 torneos que comezan este mes e rematan en novembro. O obxectivo do campionato é posicionar Galicia como destino para a práctica de turismo de golf.

Presentación, en Santiago, da III Edición do Torneo de Golf Sénior Turismo de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, presentou a III edición do Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia. No acto estiveron presentes tamén o secretario xeral da Asociación Destino Golf, Javier de la Cerda, e mais o representante da organizadora Gambito Golf, Julio del Río. Esta competición percorrerá A Coruña, Bilbao, Burgos, Tarragona, Lugo, Madrid, Valladolid, Salamanca, Santander, Sevilla, Siero (Asturias) e Zuasti (Navarra) completando un calendario de 12 torneos. Os torneos iniciaranse este mes e rematarán cunha fase final que terá lugar en Mondariz no mes de novembro.

 

Este ano, ampliouse o ámbito xeográfico das probas clasificatorias e así, xunto as probas de Castela-León, Madrid, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra engadíronse dúas probas máis en Galicia, unha en Cataluña e outra en Andalucía. Segundo explicou a directora de Turismo, estas modificacións repercutirán satisfactoriamente no número de participantes, que se nas anteriores edicións roldaba entre os 350 e 400 xogadores, este ano está previsto que a participación alcance os 1.000 competidores sénior, dos cales 48 contarán cun convite a participar na fase final en Galicia.

 

O número de licenzas na categoría sénior estanse incrementando nos últimos anos. De xeito que a porcentaxe de xogadores sénior pasou do 19,5% no 2003 ao 35,8% no 2013, polo que este sector representa máis dun terzo dos xogadores de golf españois.



Nava Castro explicou que a continuidade deste circuíto é unha das mellores ferramentas para posicionar Galicia como destino ideal para estes xogadores de golf. O circuíto permite servir de exemplo da oferta do produto presentado, e ao mesmo tempo, xerar comunicación ao longo do ano, tanto coa industria do golf, coma con xogadores e medios de comunicación.

 

A celebración deste torneo facilita a presentación da oferta de campos de golf e servizos turísticos mediante un produto “estratexicamente diferenciado” e ofrece unha alternativa turística altamente valorada por estes turistas potenciais.



Este circuíto está integrado no proxecto 'Produto Sénior' que consiste na creación dun produto destinado aos xogadores maiores de 55 anos e xogadoras maiores de 50 anos, coa combinación de tres atributos específicos integrados nas fortalezas da oferta turística de Galicia: a infraestrutura para a práctica deportiva –con 22 campos de golf – xunto coa oferta balnearia e a enogastronomía.

 

A directora de Turismo explicou a posibilidade de combinar a práctica do golf coa oferta termal así como coa enogastronomía. Segundo recalcou, para o turista de golf, o termalismo e a enogastronomía poden actuar como oferta complementaria a súa estadía en Galicia e dotar de valor engadido a súa experiencia deportiva”.

Pola súa banda, Javier de la Cerda, secretario xeral da Asociación Destino Golf resaltou que o circuíto se trata dunha cita que se vai consolidando ano tras ano de acordo coa calidade da organización e que pretende atraer a Galicia aos xogadores sénior, que é un target fundamental neste eido porque son viaxeiros que axudan a romper a estacionalidade e repercuten directamente no destino porque se caracterizan por ter un gasto medio máis elevado que a media dos viaxeiros.

 

Julio del Río, representante da empresa organizadora Gambito Golf, explicou que o circuíto é unha gran oportunidade de presentar o destino Galicia e as oportunidades que este ofrece para a práctica do golf.



Inscripcións


As inscricións a calquera torneo do III Circuíto de Golf Sénior Turismo de Galicia poderán efectuarse cumprindo os requisitos de ser xogadores sénior con licenza en vigor e hándicap da Real Federación Española de Golf. Todas as probas son de carácter aberto para socios e non socios dos campos e sedes do Circuíto. As inscricións faranse a través do campo onde se celebre a proba clasificatoria coas condicións e prazos establecidos por este.

 

Ademais dos xogadores convidados á final por ter sido primeiros clasificados nas diferentes probas, abriranse prazas para que poidan asistir outros xogadores séniors e xogar o Torneo de acompañantes.

Arriba