II Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia
5, 6 e 7 de Xullo. Os Pendellos, Agolada (Pontevedra)
No encontro organizado pola Consellería de Economía e Industria poderá verse o traballo de medio cento de artesáns que representan un total de 16 oficios tradicionais diferentes, e haberá lugar tamén para actuacións musicais, conferencias e mesas redondas ou showcooking de cociñeiros galegos.
Ademais, servirá para crear un espazo de interrelación con ámbitos como a música, a gastronomía ou o deseño. Así, ademais da demostración en vivo de distintos oficios, e a comercialización de produtos de artesanía, haberá catas e degustación e venda de produtos gastronómicos, cunha trintena de postos e especial atención ás denominacións de orixe existentes en Galicia. Ademais, como novidade, no espazo denominado O Paladar realizaranse diferentes showcookings a cargo de cociñeiros galegos de prestixio.
Tamén haberá conferencias e encontros, destacando o que terá lugar o venres, centrado nas “Emocións e oficio arredor do granito en Galicia”, ou a que tratará sobre o emprendemento feminino no mundo do rural, que se celebrará o sábado. A variada oferta preparada para esta fin de semana en Agolada inclúe tamén unha exposición de instrumentos musicais tradicionais galegos resultante da aportación de pezas da colección de Pablo Carpintero e pezas actuais de Xaneco, presentacións de diferentes proxectos innovadores no eido da artesanía e o deseño ou actuacións de baile e música folk e tradicional, con grupos como Linho do Cuco, Talabarte Trío ou a cantante Mónica de Nut.
Novidades
Poderanse ver oficios que non estiveron presentes o ano pasado, como as figuras de pan de San Andrés de Teixido ou o traballo das redeiras de Corme e as colareiras do Grove. Haberá tamén espazo nos Pendellos unha vez máis para oficios tan variados como a xoiería, a olería, a forxa, a follalataría, a tornería de madeira, a cantería ou a elaboración de zocos.
Tamén as actividades para nenos e nenas, que poderán participar nun obradoiro de percusión tradicional, coñecer o proceso para obter seda ou técnicas para elaborar papel e encadernalo, ademais de aprender a facer as súas propias galletas creativas. Para facilitar que todos os que o desexen se acheguen ata este encontro, habilitaranse autobuses gratuítos que realizarán distintos traxectos ao longo do día entre Lalín e Agolada.
DOCUMENTOS RELACIONADOS...
- Programa / Documento pdf