15 xul 2013

O Consello da Xunta aprobou a declaración de Festa de interese turístico de Galicia para a Feira do Xamón da Cañiza

A feira cumpre os requisitos definidos no Decreto 39/2001, regulador da Declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia.

 

A Festas do Pan de Neda e o Simulacro do Naufraxio de Laxe tamén obtiveron a aprobación para ter a distinción.

 

Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 90 festas de Interese Turístico de Galicia, 13 festas de Interese Turístico Nacional e 6 festas de Interese Turístico Internacional.

 

O Consello da Xunta aprobou a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Feira do Xamón da Cañiza. A Feira do Xamón da Cañiza celébrase o día 15 de agosto nese concello pontevedrés e desenvólvese hai 47 anos nunha zona que conserva elementos enxebres como pallozas de colmo, alpendres de casqueiros, carros típicos e cabezudos centenarios que forman parte da celebración gastronómica e aportan aspectos tradicionais e culturais.

 

A 47 edición desta celebración terá lugar na Carballeira do Cacharado do concello da Cañiza e incluirá a degustación do produto elaborado en diferentes preparacións, así como desfiles ou eventos deportivos.

 

A declaración comporta a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Ademais da Feira do Xamón da Cañiza, o Consello da Xunta aprobou outras dúas declaracións para festas de Interese Turístico de Galicia, a da Festa do Pan de Neda e mais o Simulacro do Naufraxio de Laxe.

 

Con estas novas declaracións, a comunidade galega conta xa con 90 Festas de Interese Turístico de Galicia, as que hai que engadir as 13 Festas coa declaración de Interese Turístico Nacional e as 6 co distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional. 

Arriba