Dous xornalistas da Guide du Routard actualizan estes días a información de Galicia na guía en colaboración con Turismo de Galicia
A viaxe de prensa realízase tamén en colaboración coa OET de París e desenvolverase ata o día 20 de xullo.
Os dous informadores recompilarán material e actualizarán os datos sobre os diferentes recursos, aloxamentos e servizos turísticos así como de restauración.
Unha xornalista rusa da editorial RCC percorrerá A Coruña, Santiago e as Rías Baixas entre os días 18 e 26 de xullo para recompilar material sobre aloxamentos, restauración, turismo de saúde e experiencial en Galicia.
Turismo de Galicia, en colaboración coa Oficina Española de Turismo en París, colabora coa Guide Routard na viaxe de prensa que realizan dous xornalistas franceses que recompilan contidos para La Routard, a prestixiosa colección de guías turísticas.
Ata o vindeiro día 20 de xullo, os dous xornalistas percorrerán ademais de Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra ou Vigo, algunhas zonas da Costa da Morte como Camelle, Camariñas ou Muxía, así como outros enclaves próximos como Carballo, Buño, Corme ou Laxe. Tamén recollerán documentación en Fisterra, Corcubión, Carnota, Muros e Noia así como dos seus principais recursos naturais e culturais.
De igual modo, visitarán a Serra do Barbanza, o Parque Natural de Corrubedo e localidades como Noia e Porto do Son. Tamén recollerán documentación para a súa publicación en Padrón, Caldas de Reis, Vilagarcía, Vilanova, a Illa de Arousa e Cambados.
Trasladaranse a O Grove, a Illa de Ons, Portonovo e Sanxenxo, así como a Combarro e Bueu e Cabo Udra, Cangas e Moaña ou Redondela, tamén a algunhas das poboacións e recursos desa zona das Rías Baixas. Do mesmo xeito desprazaranse ata Baiona e as Illas Cíes. A propia Guide du Routard indicou o itinerario que precisaban percorrer para levar a cabo a recollida de información e a conseguinte actualización dos contidos da guía.
A xornalista rusa Daria Tkacheva percorrerá as cidades da Coruña e Santiago de Compostela e algunhas localidades das Rías Baixas grazas a un viaxe de prensa en colaboración con Turismo de Galicia no que realizará un traballo sobre o destino para a editorial RCC, un dos grupos mediáticos máis importantes de Rusia. Tkacheva encárgase da sección Life Style dentro do grupo e recompilará material sobre aloxamentos, restauración, turismo de saúde e experiencias turísticas únicas que se poden vivir no destino Galicia.