22 xul 2013

Turismo de Galicia e a Deputación de Pontevedra asinaron convenios para favorecer a accesibilidade e para levar a cabo accións de sinalización turística

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán rubricaron acordos que implicarán a posta en marcha de iniciativas que favorezan a accesibilidade turística nos concellos de Ribadumia, O Grove, Meis e Meaño, ao tempo que se acometerán traballos de sinalización provincial turística xeral e especial dos límites fronteirizos para divulgar os recursos turísticos facilitando a visita destes.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, asinaron en Pontevedra dous convenios relacionados coa accesibilidade e coa sinalización turística na provincia.

 

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, entre os obxectivos da Administración Turística figura o desenvolvemento do turismo na comunidade de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sostibilidade. Segundo comentou, a posta en valor dun destino turístico ten que ter en conta o desenvolvemento deste de acordo cos principios de accesibilidade e adaptación aos usuarios turísticos con algún tipo de diversidade funcional.

 

Nava Castro explicou que é preciso incidir nas accións de promoción, na habilitación de espazos e recursos, na reconversión de zonas con preferencia para persoas con diversidade funcional, na mellora dos accesos e na redución de elementos físicos que impidan a accesibilidade, así como a través de incentivos para mellorar a utilización do espazo turístico.

 

A directora de Turismo de Galicia matizou que xa nas ordes de axudas publicadas por Turismo de Galicia, inclúese como criterio para considerar unha actuación subvencionable que o obxecto das obras ou das melloras nos establecementos ou aloxamentos turísticos sexa acadar condicións de accesibilidade. Tamén nos servizos prestados o criterio será o de que melloren, renoven ou modifiquen a accesibilidade. “Existe polo tanto unha prioridade dentro das ordes de axudas ao sector que se articulan dende a Administración Turística galega e exércese neste sentido unha discriminación positiva”, comentou.

 

Turismo de Galicia conta cunha guía de establecementos accesibles. En Galicia hai 153 aloxamentos turísticos practicables e 33 accesibles. En total 186 aloxamentos con estas características, un 6, 6% da oferta total de aloxamento da comunidade.

 

A través do convenio entre Turismo de Galicia e a Deputación de Pontevedra, perséguese acadar a integración social das persoas con diversidade e promover a cultura da accesibilidade a través fundamentalmente de dúas accións concretas:


-Por un lado, dar a coñecer o proxecto Pousadas do Salnés, que é un plan de dinamización xestionado pola Deputación de Pontevedra para a creación dun produto turístico accesible e dar resposta á necesidade de diversificar a oferta turística das Rías Baixas.

 

-Doutra parte, promover a cultura da accesibilidade, fomentando a supresión de barreiras arquitectónicas e outras medidas complementarias.

 

O obxecto do acordo é acometer as obras necesarias para dotar de accesibilidade aos recursos turísticos da Provincia de Pontevedra nos concellos do Grove, Ribadumia, Meis e Meaño.

 
Sinalización provincial e transfronteiriza


De igual modo, Turismo de Galicia ten entre os seus cometidos levar a cabo accións de potenciación dos recursos turísticos. En virtude do segundo convenio que hoxe asinaron os responsables dos dous entes e que ten por obxectivo a sinalización provincial turística xeral e especial dos límites fronteirizos e que conta cunha financiación de fondos do programa operativo Feder, promocionaranse e divulgaranse os recursos turísticos facilitando a súa visita.

O proxecto, que está a levar a cabo a Deputación de Pontevedra sobre sinalización provincial turística xeral e especial dos límites fronteirizos, promocionará os recursos turísticos propios, tales como os monumentos urbanos e rurais, mosteiros, igrexas, santuarios rutas, espazos naturais e museos .

 

Segundo explicou Nava Castro, “tanto a sinalización, como a adecuación dos recursos aos criterios de accesibilidade turística redundarán nunha mellora da calidade do destino e nunha mellor información e adaptación ao usuario turístico”.

Arriba