Turgalicia promocionará o turismo galego no mercado madrileño de Moncloa o día 25 de xullo
Turismo de Galicia instalará un punto de información turística durante esta xornada que este establecemento comercial dedicará á Comunidade galega e realizaranse varias actividades ao longo da xornada para exaltar a oferta gastronómica e cultural.
Turismo de Galicia promoverá os recursos e servizos turísticos da Comunidade galega durante a xornada do 25 de xullo no mercado madrileño de Moncloa, dentro dunha programación especial de actividades relacionadas coa gastronomía e a cultura que este establecemento comercial lle dedicará ao territorio galego con motivo da celebración do Día de Galicia.
Neste ámbito, Turismo de Galicia instalará o día 25 de xullo un punto de información turística no mercado que contará cun mostrador a través do que se poderá acceder aos recursos e servizos turísticos da Comunidade galega.
Este punto de información estará atendido por persoal especializado en promoción turística de Galicia e contará ademais cunha pantalla na que se proxectarán audiovisuais relacionados coa oferta turística da comunidade.
Pola súa parte, o mercado de Moncloa vén anunciando desde hai días a celebración do evento de exaltación do Día de Galicia dentro das súas instalacións situadas na rúa Arcipreste de Hita.
As 13.00 horas do día 25 de xullo, o responsable do distrito de Moncloa do Concello de Madrid inaugurará a xornada dedicada a Galicia.
Logo, a partir das 14.00 horas, tres restaurantes madrileños ofrecerán varios pratos baseados na cociña galega.
Pola tarde, ás 16.30 horas o escritor e artista Antonino Nieto ofrecerá unha pequena charla, antes de proxectarse un audiovisual relacionado coa Rapa das Bestas.
A partir das 19.00 horas desenvolverase no mercado a Feira das tapas e a partir das 22.30 horas terá lugar unha queimada popular.