As actividades do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago contarán co patrocinio de Iberdrola
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva Castaño, formalizaron o acordo a través do que o primeiro grupo enerxético nacional colaborará na conmemoración.
Iberdrola será un dos patrocinadores do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Así se formalizou a través dun acordo entre a compañía e Turismo de Galicia para o patrocinio dos actos conmemorativos que se estenderán ata o verán de 2015, convertendo Galicia nun epicentro de celebración de eventos culturais, artísticos e congresuais.
Iberdrola é o primeiro grupo enerxético nacional e unha das principais empresas españolas do Ibex 35 por capitalización bursátil. A empresa é líder mundial do sector eólico e unha das maiores compañías eléctricas do mundo.
O Consello de Ministros aprobou o día 30 de agosto deste ano a autorización para a creación da Comisión Interadministrativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, que está formado pola Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Turismo de Galicia é o órgano encargado de organizar e levar a cabo os programas aprobados pola Comisión Interadministrativa.
Esta comisión ten como fin dar cumprimento á Disposición Adicional dos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2013, que outorga a consideración de Acontecemento de Excepcional Interese Público para a celebración do VIII Centenario. Entre os actos máis relevantes que forman parte da programación do VIII centenario figuran a gran exposición organizada para esta primavera en Santiago baixo o título On the Road, o I Cumio Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, o I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo ou a Travesía Náutica Xacobea, dende Xénova ata Galicia.